«A píllara está así pola acción humana»

f. rodríguez / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Fala da necesaria protección da especie en Baldaio, praia que tilda de «tesouro natural»

15 jun 2017 . Actualizado a las 07:55 h.

Manuel Mariño (Portosín, Porto do Son, 1973), ornitólogo e un dos colaboradores da asociación naturalista Axena é tamén unha das persoas que máis exemplares de píllara das dunas ten censado, non só no areal carballés de Baldaio, onde a limpeza deberá facerse de xeito manual pola presenza do animal, segundo se coñeceu nos últimos días. Mariño declara de Baldaio que «é un tesouro natural», das poucas praias nesta situación que quedan en Galicia e que, por tanto, lle facilitan a estas aves criar. Hai que coidalas, conta, fronte á cada vez máis grande presión humana.

-Coñece moi ben a especie.

-Si... despois de moitos anos traballando con ela centos e centos de horas coñézoa ben, ou iso creo. Onde empecei a traballar coa píllara foi na zona de Barbanza, que é onde sigo: aquí temos un bo número de praias de cría. Pedíronme se podía colaborar co censo na de Baldaio, praia grande e difícil de seguir, e aí estou dende o ano pasado.

-¿Que características ten esta especie? Sábese que está en perigo de extinción e, polo que parece, tamén é moi fráxil.

-É unha ave de pequeno tamaño e que, aínda que se chama píllara das dunas, normalmente non aniña nas dunas, non pon aí o niño, senón en primeira liña de costa, de mar. De feito, fano tan preto que é moi frecuente que as subidas de mareas lles leven os niños. Imaxinen unha praia moi urbana, moi humanizada, con moitísima afluencia de turistas, de mascotas soltas... o que pode supoñer. Tamén utilizan as dunas, e en Baldaio hai varios niños nestes momentos, para criar e, sobre todo, para agocharse as crías cando comeza a chegar xente á praia.

-Non é o caso de Baldaio, pero si son frecuentes os paseos, por exemplo. ¿Supón un perigo?

-Ter coidadas as dunas é importantísimo, e aí en Baldaio hai un problema grande con elas, porque moita xente ocúpaas para abrigarse ou para o que sexa. De feito, moitos niños que nós nunca sinalizaríamos -porque avisas aos depredadores e á xente de que aí hai algo-, en Baldaio si o temos que facer porque está pasando xente continuamente. Alguén que pon a toalla a dous metros do niño pode provocar que a ave o acabe abandonando. Ademais, os ovos, despois dunhas determinadas horas sen incubar, bótanse a perder. Polo tanto, o coidado das dunas é importantísimo. O tema da limpeza manual, e non con maquinaria, tamén. A xente pregúntanos que problema hai se os niños xa están dentro de xaulas, pero esas xaulas póñenselle aos ovos [e iso aos que estean localizados]. Intentamos localizar os máximos posibles, pero é doado que se che pase un por alto. Dicía que estas aulas se lle poñen aos ovos, pero unha vez que eclosionan, os polos ás poucas horas de nacer xa van pola praia adiante e non volven ao niño. A partir dese momento podes atopalos en calquera lugar. Tardan entre 28 e 30 días en voar e son unha presa fácil para os cans, por exemplo. Soen agocharse aproveitando unha alga, ou un pau, pero aí está o tema dos cribadoras, que eliminan esas algas, o seu agocho, en primeiro lugar, e en segundo, o sitio onde se desenvolve a alimentación dos invertebrados. Cando estes polos senten perigo tíranse corpo a terra: pasan as cribadoras ou os tractores, que non os ven, porque é moi difícil incluso estando preto deles, e pásanlles por riba que nin se decatan, con total facilidade. Xa ten pasado moitas veces: temos probas noutras praias.

-Baldaio é unha zona de especial protección, polo que quizais deberían ter menos perigo, pero hai píllaras ao longo da Costa da Morte: Laxe, Ponteceso, Muxía... ¿Hai medidas protectoras en marcha?

-Traballamos en colaboración asociacións ecoloxistas, Universidade de Santiago, Xunta... En primeiro lugar, tratamos de localizar as postas, para estudar cada unha e ver se é preciso o sinalizado ou non. Hai praias con moita presión humana ou de mascotas onde hai que facelo. Logo entramos en contacto cos concellos e tamén dende a USC ou o coordinador Miguel Hermida, da Xunta, están facendo un traballo moi importante. Mirando que as limpezas se fagan de forma manual, algo importantísimo, que os concellos intenten controlar o tema dos cans soltos... Hai que dicir que uns concellos son máis colaboradores ca outros.

-Parece que segundo os últimos datos podemos ir falando dunha recuperación, pasiño a pasiño.

-Si, pero igualmente pódese volver atrás. Hai uns decenios en Galicia a especie chegou a tocar o fondo. Logo foise recuperando e chegou a haber máis de cen parellas reprodutoras en Galicia, que segue a ser nada. Por unha serie de razóns, ese número baixou bastante: no 2015 había 73; o ano pasado subiron a 80 e esperemos que neste suba aínda algo máis. No 2016 voaron 49 polos en Galicia: son 0,6 polos por parella e iso é insostible para unha especie, sobre todo tendo en conta que poden chegar a facer tres, catro ou cinco niños por tempada. Que só consigan quitar iso... Esta é unha especie que está así non por culpa dun desastre natural, senón por culpa da acción do ser humano: degradamos as praias, ocupámolas, levamos mascotas, pasamos maquinaria... A píllara está aquí todo o ano, non é un visitante. Logo de levala a unha situación límite, a ver se facemos un esforzo e conseguimos quitala adiante.