«A miña paixón é a divulgación científica»

verónica couto / Á. P.

CARBALLO MUNICIPIO

CEDIDA

A gañadora do Premio a artigos normalizadores conta en «Inchazón» a súa experiencia co galego na sanidade

11 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os primeiros pasos no mundo da sanidade da psiquiatra Iria Veiga Ramos servíronlle de base para dar forma ao texto, Inchazón, co que acaba de gañar a décimo terceira edición de Premio a artigos xornalísticos normalizadores que concede o Concello de Carballo. Veiga, psiquiatra no Hospital do Barbanza, desenvolve ademais unha intensa actividade divulgadora a través do seu blog, O outro lado do espello (espello.gal) e colabora noutras iniciativas nese mesmo eido.

-¿De que fala o artigo premiado?

-Fala das miñas experiencias sobre todo ao inicio da miña práctica médica, cando era residente, relativas ao uso do galego, porque pode parecer que é unha cousa que xa debería estar normalizada, pero cando empecei a traballar atopeime con múltiples situacións nas que non é que se me cuestionara abertamente, pero si había certas reticencias ou dinámicas xa creadas que facían que isto non fose tan normal como podería parecer.

-¿Iso segue pasando?

-Segue pasando, pero si que é certo que ao rematar a etapa de formación as diferenzas son menores. Pero sígoas a ver.

-¿Canto tempo lle levou escribir o texto premiado?

-Eu teño un blog así que xa teño este formato de artigos na cabeza así que xeralmente lévame pouco escribilos, un par de tardes, pero antes téñoo moito tempo na mente e doulle moitas voltas.

-¿É a escritura a súa gran paixón?

-Eu diría que a miña paixón é a divulgación científica, que o que trato no blog, e a escrita é o medio de expresión desta divulgación, aínda que ás veces tamén a fago noutros formatos.

-¿Tense presentado a certames en máis ocasións?

-A verdade é que non, pero xa outros anos me quedara e espiña de presentarme a este certame porque me parecía que o formato se adaptaba ao tipo de cousas que eu tiña por costume escribir.

-¿É doado compaxinar a profesión de médico con ese traballo divulgador?

-No meu caso diría que son cousas case complementarias, porque aínda que a miña profesión non é científica ou investigadora, si que é de tipo técnico e teño moito contacto continuamente con información de tipo científico a parte divulgativa entronca moi ben con ela.

-¿Como se sentiu ao recibir a noticia da concesión do premio?

-Moi satisfeita, moi contenta e moi sorprendida vendo o nivel dos gañadores anteriores, e que ademais que é xente que en moitos casos vén do mundo da escrita.