Recibirá os 1.250 euros do certame do Concello de Carballo por un texto titulado «Inchazón»
10 may 2017 . Actualizado a las 15:43 h.A trixésima terceira edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que organiza o Concello de Carballo, xa ten gañadora. O xurado encargado de examinar os 42 traballos presentados decidiu conceder o galardón á psiquiatra Iria Veiga Ramos -afincada en Compostela e traballadora do Hospital do Barbanza- por un texto que leva por título Inchazón e no que autora tira da súa experiencia profesional no mundo da sanidade para abordar os problemas relacionados co uso do galego.
«A súa sinxeleza, concisión e capacidade de incidencia no público a través dun texto con estrutura circulaR que pon de relevo a relación entre lingua e poder social», son algúns dos aspectos que o xurado valorou do seu artigo. «A través dunha experiencia concreta dunha médica visibilízanse prexuízos sobre a lingua e a necesidade de superalos. Desde o xurado considérase que o artigo pode incidir positivamente no prestixio social do idioma, nomeadamente na sanidade, mais tamén, en xeral, en todos os ámbitos e sectores de prestixio», recolle tamén a acta asinada polos xornalistas Xosé Manuel Pereiro, Paula Vázquez e Xurxo Chapela e polo normalizador do Concello de Carballo, Nel Vidal.
Veiga sumase así a un elenco de autores premiados no que hai, entre outros, escritores, xornalistas, políticos e activistas: Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures e Borxa Tenreiro. Ao igual que nos seus casos, o artigo de Eva Veiga será publicado nas páxinas de La Voz de Galicia e en outros oitos medios de comunicación galegos de xeito simultáneo. Ademais, a autora recibirá un premio económico de 1.250 euros, que lle serán entregados nunha gala cuxa data de celebración será anunciada nos próximos días.
A gañadora desta nova edición do certame compaxina o seu traballo como psiquiatra cun labor de divulgación de cuestións científicas e relacionadas coa lingua a través do seu blog O outro lado do espello (espello.gal) e colaborando en iniciativas como Escépticos no Pub e Pint of Science.
O xurado tamén agradeceu a participación do resto dos aspirantes desta edición e a súa achega «de argumentos favorables para a posta en valor do galego».