«O cormorán sempre estivo presente»

f. rodríguez / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O ornitólogo carballés aborda tamén a poboación de ánades reais en Bergantiños, ao fío da curiosa imaxe desta fin de semana, con varios exemplares cruzando a rúa Luis Calvo Sanz de Carballo

30 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A imaxe duns patos andando pola rúa Luis Calvo carballesa chamou moito a atención nos últimos días. Tampouco é raro ver familias polas beiras do Anllóns. Xabier Varela, ornitólogo natural de Carballo, nacido no 1981, e traballador do departamento de Medio Ambiente do Concello de Arteixo, falou onte en Radio Voz sobre estas poboacións.

-¿Hai máis patos dos que había ou é que se deixan ver máis?

-A única especie que cría aquí, e en particular en Bergantiños, é o alabanco, en galego, o ánade real ou azulón, en castelán. É unha especie bastante ubícua en canto a auga, ocupa variedades de masas de auga, incluso estanques e lagoas de parques urbanos mentres se respecte e teña protección. É unha especie máis ou menos común. Nestas datas, a mediados-finais de marzo, é cando aparecen as primeiras roladas de polos, acompañadas das femias. Non temos datos do estatus poboacional en Galicia, non sabemos se está aumentando ou diminuíndo, pero o que está claro é que é unha especie que non corre perigo de desaparición, ameaza. No conxunto de Europa, si que está estable ou diminuíndo lixeiramente. É unha estampa bonita, si, porque tipicamente convive co ser humano, e é tamén unha imaxe con potencial para a educación ambiental.

-Non deixa de chamar a atención velos nunha rúa tan céntrica.

-Ocorre que eles ocupan masas de auga, pero fan a cría, a posta, fóra delas, en áreas de matogueira, vexetación... Cando os ovos eclosionan, os polos abandonan o niño, e a femia guíaos dende o lugar no que se ubican ata a masa de auga que estea máis preto. Nesa viaxe, é cando poden atravesar hábitats humanizados: xardíns, rúas..., causando así esa expectación. Esa viaxe, tamén, é a que os pon precisamente en risco de ser atropelados, depredados...

-Haberá que estar atentos, logo.

-En Carballo hai poboacións asentadas de ánade real, de alabanco, en varias masas de auga asociadas á rede de ríos que atravesan o casco urbano, sobre todo o Anllóns. Logo, no entorno, en humidais, como pode ser Baldaio, si se poden ver outras especies de patos. En Galicia rexistráronse un total de 35 [especies]: algunhas veñen a pasar aquí o inverno, algunhas veñen aquí en migración... En Baldaio temos rexistradas bastantes especies, como a cerceta común, o pato cuchara, o ánade silbón, o ánade friso... Varias especies que crían en latitudes máis norteñas, en Centroeuropa, Norteuropa..., e que pasan aquí o inverno. Pero bueno, a especie que cría aquí realmente é unha soa: o alabanco.

-Mimados, ademais. A xente aliméntaos. ¿Isto é bo, dalgún xeito?

-Estas especies, e concretamente o ánade real, aliméntase basicamente de materia vexetal e, tamén, segundo a zona que ocupen, de invertebrados. A dieta repártese neses dous bloques: materia vexetal, insectos, moluscos...

-¿É bo darlles pan?

-Eles, en zonas moi humanizadas, acéptano. Non ten ningún problema. Non deixa de ser unha especie silvestre, pero amósanse confiados porque ocupan estanques e tramos de ríos de vilas e cidades. Se non se lles fai dano, aceptan a opción. Poden alimentarse polos seus medios, pero tamén reciben estes antropizados, por dicilo así.

-Tamén se ven cada vez máis cormoráns no Anllóns. ¿Preocupante? Hai certa polémica con eles.

-Prensa e redes sociais estanse facendo eco diso. O problema, se se pode considerar como tal, e eu non o creo así, é que o corvo mariño grande, o cormorán grande, ten unha distribución europea. A mediados de século, a súa poboación decreceu moitísimo. A partir dos 70, as poboacións reprodutoras, no centro e norte de Europa, fóronse recuperando. Pouco a pouco, traduciuse en que nas zonas invernadas, coma esta, o norte da Península, se viran ano tras ano máis exemplares. Pero, realmente, é unha especie autóctona, non invasora, aquí sempre estivo presente. Se ben en Galicia non cría, si se ve en inverno, pásano aquí. Os corvos mariños de aquí veñen de Francia, Alemaña, Holanda, Dinamarca, incluso do sur de Escandinavia. Hai vinte anos apenas se vían en ríos e encoros, pero coa recuperación de poboacións, si se ven en sitios onde non aparecían.

-¿É un problema para os ríos, deben ter preocupación os pescadores?

-Dende o meu punto de vista, non son un problema para os ríos, senón parte dos ríos. O río é un sistema complexo de organismos. Temos que facer o posible por convivir. Estudos científicos amosan que o impacto sobre poboacións de salmónidos é bastante relativo. Para min, o problema das poboacións de troita en Galicia é o problema dos ríos no seu conxunto. Un dos principais factores de degradación do ecosistema fluvial non creo que sexa o corvo mariño grande, senón máis ben algo multicausal: vertidos, perda da calidade da auga, as talas abusivas que a veces se fan, a construción de impedimentos físicos... O corvo mariño real é unha especie gregaria, que forma grupos, oportunista: está acostumada a aproveitar un recurso alimentario que nun momento se dá en certos sitios. Entón, se unha poboación dunha especie de peixe aumenta, eles van aparecer e aproveitar ese recurso, porque é facilmente accesible. Pero cando se alimentan sistematicamente dese recurso, a especie volve á súa densidade normal e a eles xa non lles interesa, abandonan a zona. A troita, de todos os xeitos, non é a súa especie favorita. O impacto é, sobre todo, nas poboacións de ciprínidos.