«Eu non poño problemas para que as disciplinas se mesturen»

verónica couto / Á. P.

CARBALLO MUNICIPIO

BENITO ORDOÑEZ

O polifacético artista tudense será o protagonista da segunda velada do Curruncho Pop carballés

18 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Curruncho Pop leva esta tarde á biblioteca Rego da Balsa de Carballo (20.30, entrada gratuíta con invitación) a un dos artistas máis polifacéticos da escena galega e estatal, Víctor María Aparicio Abundancia (Tui, 1958), máis coñecido como Víctor Coyote. O músico e artista gráfico actuará acompañado por Ricardo Moreno (batería e percusións).

-¿Xa tiña actuado algunha vez en Carballo?

-En Carballo, non, pero na zona da Coruña si.

-¿E nunha biblioteca?

-Si, xa teño actuado nunha biblioteca e, incluso, nun escaparate minúsculo dunha tetería e nun canastro no festival de Cans.

-¿E que opina deste tipo de formatos?

-Eu que, normalmente, métome en todas as leas -teño feitos documentais para a TVG, animación e cousas de deseño e así- non vou poñer problemas para que as disciplinas ou as actividades se mesturen. Paréceme moi ben unha sesión vermú, tocar nun cortello de porcos, que os porcos vaian a ópera... eu que sei.

-¿Que música fai agora?

-O último disco, que vai ser un pouco o centro do concerto, chámase De pueblo y de río e é un disco de versións de cousas moi diferentes, que van desde un vira do norte de Portugal ata un canción de rockabilly de Johnny Burnette, outra dun grupo venezolana, pasando por un tema napolitano, outro de Amalia Rodrigues... Pero por exemplo Killing me softly with his song non está porque eu creo que hai necesidade de escoitar cousas que sexan non tan coñecidas.

-¿Como foi mudando a súa música desde os anos 80?

-Ao principio eu tentaba facer unha cousa moi rockabilly, pero ao cabo de dous ou tres anos dinme conta de que aquilo non estaba mal, pero que tiña interese por cousas que tiñan que ver con Latinoamérica, con cousas que ata certo punto son próximas pola linguaxe e a emigración e sempre estou camiñando nesa dirección. Pero tampouco teño problema en facer cousas noutros xéneros, tipo soul ou así.

-Ademais da música fai tamén deseño, audiovisual, interpretación...

-Non son cousas excluíntes e eu xa a estas alturas non me vou a decidir. O deseño e todo o que ten que ver coa plástica é algo polo que sempre tiven unha gran afección e foi o que estudei; creo que teño máis fina a vista que o oído, pero non me decanto por ningunha das cousas que fago. Ademais, pasa unha cousa: antes da crise facer moitas cousas era unha cousa pexorativa (aprendiz de todo, mestre de nada), e agora o dito é está ben non ter todos os ovos na mesma cesta. Houbo un cambio ideolóxico a ese nivel que a min me beneficiou.

-Volvendo ao deseño, mesmo elaborou un póster para este concerto no que se poden ver os míticos trolebuses de Carballo.

-Si. Iso forma parte dun proxecto que estou facendo no que estou elaborando pósteres de case todas as actuacións que fago nos sitios. A min no me gusta dicir ‘boas tardes Carballo’ ou ‘buenas tardes Aranda del Duero’; para evitar ese peloteo fago outro peloteo que consiste en facer os pósteres dos sitios onde actúo referidos a eses pósteres, pero iso non consiste en que se vou a Burgos, debuxar a Catedral de Burgos, senón que busco unha especie de outra vía: por exemplo, cando fun a Zaragoza debuxei as letras da fábrica de Pikolin ou unhas bateas de Rande cando andei polo sur de Galicia. Neste caso, a cousa dos trolebuses, que eu coñecía relativamente pouco, era fascinante.