«O principal transmisor desta praga da pataca é o propio ser humano»

O principal responsable agrario da zona avoga pola destrución dos restos de tubérculos tras as colleitas


Carballo / La VOz

A gran saturación de preguntas e interesados que chegaban á Oficina de Explotacións Agrarias (OEA) da Costa da Morte, sita en Carballo, fixo necesario que se comezaran a impartir charlas informativas sobre a praga da tecia solanivora. Neses actos está presente o máximo responsable da OEA a nivel comarcal e exalcalde de Mazaricos, José Manuel Santos Maneiro, que falou en Radio Voz Bergantiños das claves da couza guatemalteca.

-Hai moitísimo interese neste tema.

-Eu creo que a información é algo positivo sempre. A xente do sector ten que estar sempre informada e se lle podemos dar desde a consellería nocións de primeira man, moito mellor.

-¿Sorprendéronse pola asistencia a estas charlas?

-É certo que asiste moita xente, pero nós xa as fixemos porque había demanda de información nas propias oficinas. Por iso decidimos facer estas xuntanzas e explicar aos interesados o que sabemos de momento: que é, cal é a zona delimitada, cales son as medidas neses lugares e que facer noutros lugares, onde se pode seguir plantando pataca.

-Habería moitas preguntas.

-Por suposto. É un tema que queda bastante claro cando se explica. Pero a xente está preocupada e a preocupación sempre desemboca en preguntas. Eles saben que estamos nunha zona na que se segue podendo plantar pataca. O que facemos é darlle recomendacións para tratar de poñer difícil que chegue esta praga. Onde está a actuación importante é dentro das áreas delimitadas. Non estamos nunha pelexa da Administración co sector produtivo. Estamos pelexando contra unha praga. Hai que ser solidarios e consecuentes para evitar que se expanda por outras zonas de Galicia.

-¿Veu predisposición?

-E distinto na nosa zona, na que non hai que tomar medidas drásticas. Onde de verdade hai que traballar arreo é nas zonas delimitadas. Se se chega a expandir vainos complicar a vida a todo o sector agrícola. Habería que deixar de plantar dous anos. Aquí o único que se pode facer son recomendacións de prácticas xerais.

-¿Que tipo de recomendacións están dando?

-Por exemplo, se se pode facer alternancia de cultivos ano a ano nas fincas, sería o idóneo para romper o ciclo. Recoméndase labrar a finca os días antes de plantar, recoller os restos de anos anteriores e destruílos por se estiveran infectados. Plantar cunha profundidade mínima de 15 centímetros, así dificultar a introdución da larva no tubérculo. Á hora de facer a recolleita, evitar deixar restos, como patacas que non valen e outros residuos que quedan na horta, para destruílos. Hai que ser cautos na almacenaxe tamén. Por último, está a cuestión de non importar pataca das zonas contaminadas. Por exemplo, se alguén de aquí fora vender pataca á feira da zona delimitada, non debería traer o que lle sobre de volta, debería quedar alí. Sería unha falta grave en caso de que esa persoa fose collida sacando pataca desas zonas.

-Na comercialización estase facendo moito fincapé.

-Temos que ter unha gran precaución. Pode ser un dos principais riscos. O principal transmisor desta praga da pataca é o propio ser humano, comercializando co produto pese ao seu estado.

-¿Haberá novas charlas?

-Para a semana que vén imos ter novas charlas, en Zas, Ponteceso e pode que Vimianzo.

-Na Costa da Morte interesa moito.

-É que a pataca é un cultivo social. Todo o mundo produce para o autoconsumo. É lóxico que exista certa preocupación. O que tratamos é de explicalo de primeira man e resolver todas as dúbidas.

«A xente está preocupada e iso sempre desemboca en preguntas [nas charlas impartidas]»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«O principal transmisor desta praga da pataca é o propio ser humano»