O Concello de Carballo aumenta o premio do certame de artigos xornalísticos

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

O prazo para presentar os traballos a este concurso, dotado con 1.500 euros, estará aberto ata o 17 de abril

08 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Por decimo terceiro ano, o Concello de Carballo premiará a través do premio de artigos xornalísticos normalizadores aquel texto que mellor reflexione sobre a situación da lingua galega. A principal novidade desta edición será o aumento da recompensa económica para o gañador, que pasa de 1.000 a 1.250 euros. O prazo para a presentación dos orixinais (textos de entre 1.800 e 3.300 carácteres) estará aberto ata o 17 de abril, tal como recollen as bases feitas públicas onte a través do Boletín Oficial da Provincia. Os traballos poden abordar a situación sociolingüística do país, o fomento do galego, o seu estatus, os argumentarios a prol do seu uso, a lexislación e os dereitos lingüísticos e outras cuestións similares.

Como nas edicións anteriores, o texto premiado será publicado nos medios de comunicación galegos que colaboran na iniciativa, entre eles, La Voz de Galicia.

Ramón Vilar Landeira, Séchu Sende, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campos, Kiko Novoa, Marcos Abalde e Carlos Callón son algúns dos autores que xa teñen sido premiados. O ano pasado o galardón foi para o tradutor ferrolán Borxa González Tenreiro.