Bergantiños, unha das bisbarras de Nós

maría xosé silvar «SES»

CARBALLO MUNICIPIO

Jose Manuel Casal

«(...) É moi probábel que eu non chegase nunca a ser quen son se non fose porque vivín a miña/a nosa identidade no seo familiar. Bergantiños significaba e significa para min iso, a terra na que eu sentía a miña identidade máis intensamente (...)».

12 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dun xeito completamente equivocado e cruel, os medios inculcan aos nenos e nenas das cidades que eles son algo así como «máis» que os nenos das aldeas ou das vilas, algo así como «superiores». Cando eu era unha nena, ouvía «paleto» e «pailán» ao meu redor, en contextos tan impensábeis como a escola ou, máis tarde, o instituto. O que máis me sorprendía era que o único motivo para tal cualificación era as máis das veces o idioma ou o acento que denotaba que a persoa era galegofalante. Aínda que isto era norma e, por desgraza, segue séndoo, para min aquilo era estrañísimo: desde a miña inocencia lúcida aquela consideración era rara. Eu vivía na Coruña, pero todos os meus curmáns e miñas tías e tíos eran bergantiñáns, carballeses, e non se correspondían para nada con aquela falsa idea.

Cando eu ía a Carballo nas fins de semana, lonxe de considerarme superior, víame menos espabilada que os nenos e nenas da miña familia, menos hábil coas cousas do cotián. Os meus curmáns eran como allos. Ademais vía claramente que eu falaba distinto, pero non me gustaba máis como falaba eu, gustábame menos, por iso tentaba falar coma eles, porque eu non quería ser diferente, quería ser igual que os meus.

É moi probábel que eu non chegase nunca a ser quen son se non fose porque vivín a miña/a nosa identidade no seo familiar. Bergantiños significaba e significa para min iso, a terra na que eu sentía a miña identidade máis intensamente. As miñas tías, ás que sempre adorei, ensinábannos e rifábannos se había que facelo, porque nunha casa todo o mundo debe educar a todo o mundo, e nós eramos moitos nenos e nenas, porque somos unha familia felizmente grande.

A miña avoa Venera facíanos quilos de patacas fritidas con ovos, e o avó dábanos chourizo que asaba cun papel de prata na cociña de ferro. Todo o mundo ría moito e facía moitas bromas, porque a miña familia é moi simpática. A miña avoa Venera cando ría, ría desde o fondo do estómago e só con escoitala, os seus fillos e netos escachábamos atrás dela. E neses momentos de risa, cando todo o mundo se reunía para cear os rixóns de meu avó Evaristo, eu mirábaos a todos e sentíame moi feliz e moi contenta. Sentía aquilo que eu non sabía aínda denominar, «idiosincrasia», sentíaa coma un lazo que nos une a todos pero que non apreta, que no canto de facer dano, faite sentir seguro.

Pertenza

Logo fíxenme maior e estudei moito, lin moito, contemplei o mundo, o académico, o emocional e un pouco o material tamén. Aínda hoxe sigo observándoo, pero todo o que coñecín só me valeu para entender aínda máis que sen aquel sentir que eu experimentei na miña infancia e que hoxe porto, sen aquel orgullo de quen somos, non val de nada analizar o mundo, nin pasealo. Porque só desde a comprensión da pertenza a unha comunidade humana, a un determinado sistema sociocultural é que se pode ter unha mirada transversal, crítica, interesante e frutífera. Por suposto hai que cuestionar a pertinencia de determinados elementos da nosa tradición, hai que cribar e non deixar que a desigualdade siga facendo pouso. Mais, sen deixar de lado o avance social, debemos desfrutar o que somos, todo o fermoso que herdamos, as palabras e as músicas. Creo que debemos estar moi contentos de ser nós.

Para min Bergantiños significa Nós, é unha das bisbarras de Nós. Unha bisbarra especialmente xeitosa para o baile e o cante, da que eu estou infinita e eternamente orgullosa. Porque eu só son medio bergantiñana, pero o xenio e o amor polos meus é tanto que me cubre enteira.

«A miña avoa Venera, cando ría, ría desde o fondo do estómago, e só con escoitala...»