«Xuntar distintos estilos non foi difícil porque iso é o meu estilo»

O folk, o «indie» e o son das orquestinas conviven no singular proxecto musical que visita esta noite Carballo


Tras formar parte de grupos como O Cuarteto Caramuxo, Pel de Noz ou Os Modernos, Alonso Caxade puxo en marcha no 2014 un proxecto persoal que sorprendeu pola súa fresca mestura de estilos musicais. Agora, con dous discos xa baixo o brazo chega a Carballo (Pazo da Cultura, 21 horas, 3 euros) disposto a seguir derribando muros entre públicos diversos.

-¿Como definiría a música de Caxade?

-Caxade é un proxecto persoal, pero tamén somos unha banda porque sempre vou cos mesmos músicos, que aparte de amigos, son compañeiros. Nel están os meus intereses musicais: gústanme as músicas das orquestinas de principios do século pasado e identifícome con ese son de banda de música centroeuropeo, pero tamén o coa música pop e o indie, no sentido de música fresca, e co folk, co folk protesta das orixes dese xénero, da música que fala das cousas do pobo e para o pobo.

-¿Foi complicado dar forma a ese mestura ou é algo que vai xurdindo de xeito natural?

-Foi algo natural, como unha válvula de escape, porque despois de tocar e formar parte de varios grupos e de gravar discos con diferentes artistas e en diferentes estilos o certo é que tiña un estilo musical propio que nunca podía desenvolver ao completo. Xuntar todos eses estilos diferentes non foi difícil porque precisamente ese era o estilo, o son Caxade que eu quería exportar, sacar á rúa.

-¿É un xeito tamén de chegar a un público máis amplo?

-É probable que si, aínda que non o pensei con ese sentido. Para moita xente Caxade é un grupo que xunta a diferentes tipos de públicos que parecían case irreconciliables; houbo quen dixo no seu día que é «o indie que lle gusta aos folquies e o folk que lle gusta aos indies», como se foran os mods e os rockers dos anos 60. Nese sentido si que é certo que nos meus concertos noto que hai persoas de diversas idades e procedencias musicais.

-O estilo Caxade non se queda só na música, senón que se traslada tamén á estética.

-Si, é algo que vai acorde coa música, co deseño gráfico do disco, coa imaxe da páxina web. Para min é moi importante que se transmitan as cousas desde diferentes puntos de vista; é importante que a música comunique co público, que comunique o discurso, que comuniquen as letras, que comunique tamén polo tanto a estética; que a xente entenda que o artista ten unha singularidade. É un elemento que xa desde o primeiro momento non quixen descoidar. Todo iso forma parte dese condimento co que cociño a miña música.

-¿Este proxecto chegou para quedarse ou vai seguir colaborando con outras formacións?

-Non sei o que me vai deparar o futuro, pero cando un decide cargar ao lombo á mochila do seu propio proxecto persoal e dar un paso á fronte resulta difícil volver para atrás. Agora véxome xa sempre cun proxecto persoal; pode ser que forme puntualmente parte de outros grupos, pero este proxecto deume moitas alegrías, moita conexión cun público ao que doutro xeito non chegaba e un feedback con el que tamén me fixo medrar como músico.

-¿Que vai poder escoitar o público en Carballo?

-Imos facer unha mestura. Levamos máis de 100 concertos de presentación do primeiro disco e co novo xa levamos 30 datas, pero curiosamente en Carballo aínda non estiveramos, así que, para nós, será como unha estrea do grupo así que obviamente para presentar o últimos disco, pero tamén imos recuperar pezas míticas do primeiro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Xuntar distintos estilos non foi difícil porque iso é o meu estilo»