«Apaga o candil»

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO MUNICIPIO

08 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Oinesquecible Carlos Díaz, O Xestal, cantaba aquilo de Apaga o candil, que tan célebre se fixo porque durante moitos anos puña remate ó Luar, ese programa inesgotable que continúa perenne na Televisión de Galicia. Ese espazo que presenta o popular Xosé Ramón Gayoso, que ten lazos familiares na Costa da Morte, segue atraendo a atención do público. Cando O Xestal recolleu esa cantarea, a luz eléctrica aínda tiña ben problemas de tensión. Non entanto, moitos anos despois, cando se supoñía que os fallos eléctricos tiñan que ser historia, basta que veña un temporal para que haxa que coller outra vez o candil. É unha mágoa que non se teña máis en conta a obra do Xestal, que adoitaba vir os xoves ao mercado de Carballo e máis pasaba polos micrófonos de Radio Voz, daquela Antena 3 Bergantiños, para contar algunha das súas argalladas. Mesmo antes de ir para o estudo radiofónico contaba moitas das súas anécdotas e dos seus episodios diarios coa graza que lle era tan propia. Ao grande humorista galego, que pasara os seus vinte últimos anos da súa vida en O Seixo (Lema), fixéraselle unha fermosa homenaxe o 21 de xaneiro de 1994. Aquel día xuntárase un crego, un garda civil de Tráfico e un viaxante. José Manuel Carballo era párroco en Castro de Rei e tamén contador de historias. Somoza exercía de axente, pero tamén lle daba ao humor, e Andrés Mourente, veciño de Malpica, o viaxante, con dotes para a escena. Foi unha gran noite aquela do 94, un ano despois da despedida do humorista, que aínda había de facer bos contos cos apagóns destes días.