O amor nos tempos do «Skype»


A conversa escoiteina ao remate dun funeral (a vida é así, rebenta nos lugares máis serios). As caras das tres señoras oscilaban entre unha gravidade finxida e un divertimento que lles custaba disimular.

-Maruja, non quero que che pareza mal, é certo que o teu sobriño ten unha chica?

-É, muller é. Tardar tardou, pero agora xa ves. Atopou unha americana polo ordenador...

A suma de computadores e continentes trouxo un inexplicable estoupido de risas a aquela conversa.

-Ca, estamos moi atrasadas... Agora danlle ao triquitriquilitriquili e aló vai. Aínda han querer facer os nenos a distancia!

Non coñecía o protagonista, pero déuseme por imaxinalo coma un corentón que, grazas a internet, bate coa súa media laranxa. E como a rede non entende de marcos, nin de parroquias, nin de comarcas, a parte contratante pode vivir a milleiros de quilómetros.

Internet é un milagre para as relacións humanas. Volvino pensar estes días cando souben que seleccionaran a Ana, unha rapaza que cursa cuarto de secundaria no IES Alfredo Brañas de Carballo, para participar no programa de bolsas da Fundación Amancio Ortega. Un expediente brillante e moitas ganas de superarse, van facer posible que o vindeiro ano académico estea en Estados Unidos, con todos os gastos cubertos. Así como souben da nova, contactei con súa nai, coa que comparto patria pequena e tamén unha estima que xa acumula moitos anos. Tal e como agardaba, confesoume os seus sentimentos encontrados. Por un lado estaba orgullosa de que fose unha das elixidas (oitenta en toda Galicia) e por outro xa andaba cun nó na gorxa de pensar en separarse da filla, aínda unha adolescente, durante dez meses. Segundo me explicou, por motivos de inmersión cultural, o programa non permite nin que ela veña antes de que remate o curso, nin que reciba visitas familiares. Intentei animala comentándolle que un ano académico pasa axiña e que para a rapaza é unha oportunidade única. Para todo o demais coincidimos que xa están ferramentas como o Skype, que nos últimos anos supuxeron unha auténtica revolución para as relacións a distancia.

Comprobeino este Nadal cando estiveron aquí Dianne e Diego, unha parella amiga que teñen dous nenos. Viven en Chicago e trouxeron os seus xemelgos, que aínda non chegan ao ano e medio, para que coñecesen os avós paternos. As videochamadas crearan entre eles un vínculo sorprendente. Afeitos a falar e a verse a diario diante do ordenador, netos e avós non eran para nada uns estraños. O único que estrañaban era o tan ansiado contacto físico. Por agora as apertas cibernéticas están a anos luz das reais. Aínda así, a avoa dos rapaces confesoume que non se podía nin imaxinar o que sería non se poder ver polo ordenador.

-Vexo cada día como van cambiando e parece que ata noto os bicos que me mandan dende o outro lado da pantalla.

As cousas hai algúns anos eran ben diferentes. A principios dos oitenta, o meu amigo Marcos era un neno que tiña seu pai embarcado. Como xefe de máquinas de grandes buques que era, pasaba máis tempo vendo as caras do océano que as da muller e as dos fillos. Nunha daquelas curtas estancias na casa, súa nai, despois de mirar o reloxo, comprobou que chegara a hora de deitar a cativería. Ao día seguinte había que ir á escola.

-A ver, dádelle un bico a papá e a durmir, que xa é moi tarde.

Para sorpresa de todos, en vez de ir cabo do pai que estaba sentado no sofá, Marcos dirixiuse cara ao moble principal. Colleu un retrato, doulle un bico e dando as boas noites marchou para a cama. Tiña tan asumida aquela rutina que nin se decatou que aquel día o home da foto estaba na sala.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

O amor nos tempos do «Skype»