Casares, dende a media distancia

José Antonio Viña Patiño TRIBUNA ABERTA

CARBALLO MUNICIPIO

17 may 2017 . Actualizado a las 13:45 h.

Hai quince anos coñeciamos a Carlos Casares dende a distancia, polo menos no instituto Alfredo Brañas. Sabiamos do seu activismo cultural en xeral e a prol da cultura galega en particular. Eramos lectores atentos da súa obra e da columna que publicaba a diario na Voz de Galicia nas que conseguía facer alta literatura das cousas do día a día. En fin, era un mestre ao que lle quedaba moito por dar.

A esa distancia era o suxeito idóneo para marcar como obxectivo para aproximarnos a el. Pensabamos, tanto o equipo directivo como o coordinador de normalización lingüística, Francisco Charlín, que a presenza de persoas relevantes da cultura entre o alumnado era altamente beneficioso. Con esta idea estiveron en Carballo Manuel María, Fernández del Riego, Manuel Rivas... Todos de xeito desinteresado, se acaso facíaselle un agasallo que ía cargado de intencionalidade.

Con este principio visitounos Carlos Casares o 6 de marzo de 2002. Como era o presidente do Consello da Cultura preparamos como agasallo un gravado de Facal. Pero ademais Manuel Facal tivo a xenerosidade de acompañarnos durante toda a xornada con Casares. Resumir a conferencia quince anos despois non é fácil e sempre ten moito de subxectivo. Eu diría que se propuxo aumentar o interese pola literatura nese grupo de tres ou catrocentos de rapaces a rapazas de entre dezaseis e dezasete utilizando como argumento a súa propia biografía. Estivo enorme, no fondo e na forma. O alumnado escoitou e participou con enorme interese. Parece que se cumpriu o obxectivo, se ben estas cousas producen efectos a longo prazo. Estaría ben que alguén daquel auditorio, que hoxe pode ter 32 anos, contara o que lle quedou daquel acto.

Un pequeno grupo paseamos con el por Carballo, comemos xuntos e falamos moito. De cousas transcendentes e intranscendentes. Comezamos a ver a Carlos Casares dende a proximidade, incluso prometeu volver. Quedounos a sensación de que nos acababa de adoptar. De feito na columna do día seguinte na Voz de Galicia sacou o tema da visita a Carballo, pero xa se sabe, era mércores pola tarde cando o despedimos a pé de coche no instituto e faleceu a madrugada do sábado. Quixo o destino que nesa última columna escrita Casares volvera a facer referencia a Carballo.

Así que a fatalidade non permitiu que esa aproximación a Carlos Casares continuase, pero o noso recoñecemento e agradecemento non teñen límite. O instituto Alfredo Brañas colocou unha placa conmemorativa, Carballo tenlle dedicada unha rúa e, este ano, ademais, toda a comunidade de Galicia lle fai homenaxe polas Letras Galegas.