«Este ano débese consolidar a CMAT ou haberá que buscar outras fórmulas»

Brais Capelán CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

O deputado cre que hai que apostar máis polas novas tecnoloxías para promocionar a Costa da Morte

22 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta foi unha semana intensa para o turismo da Costa da Morte e de Galicia en xeral. A Feria Internacional de Turismo (Fitur) congregou en Madrid a milleiros de expertos na materia chegados de todo o mundo. Esta edición tivo unha presenza limitada dos concellos da comarca, algo que non preocupa en exceso a Xosé Regueira Varela (A Coruña, 1967), responsable de Turismo na Deputación da Coruña e concelleiro en Carballo.

-¿Como foi a experiencia?

-A verdade é que dá a sensación de que se está recuperando a feira de anos atrás. O xoves parecía que era das de antes. Para o turismo foi un bo ano e iso notouse en Fitur.

-¿Considera que houbo escasa presenza da Costa da Morte?

-Todo depende da percepción de cada quen. Nós sempre defendemos que a Costa da Morte ten que estar alá onde se promova Galiza como comunidade. Creo que é un dos produtos máis consolidados da feira; a xente pasaba a por información. Igual hai que buscar outro espazo ou formula, pero creo que a Costa da Morte tivo representación en distintos ámbitos da feira. Para o que vale una feira é para que os axentes establezan contactos e busquen sinerxías con turoperadores. Estes días haberá moito público que recollerá información. A miña sensación persoal é que a cuestión de ter un espazo físico está superado e algúns operadores xa cambiaron este soporte polo virtual. A tecnoloxía xa era moi relevante en feiras como Fitur.

-¿Que é o que traen de Fitur?

-Está claro que se esta apostando pola calidade e espazos sostibles. É fundamental o medio ambiente. A raíz das cuestións que fomos testando na feira, dá a sensación de que as experiencias singulares son fundamentais, máis alá da paisaxe e o produto. Podes ter unha paisaxe, pero sen estruturala perde contido. Hai que ofrecer un produto que cree experiencias ao turista dignas de contar e vender a outras persoas.

-¿Vender Galicia como xeodestino non eclipsa á Costa da Morte fronte ás grandes cidades?

-Non o creo. Dáme a sensación de que Galiza é un destino universal. Se non existise Santiago, a ver como nos colocabamos no mercado. É un imán que atrae persoas a Galiza, a partir do cal pódese convencer á xente para que visite outros lugares da comunidade. En Fitur hai algún destino turístico moi potente que se nos mandan buscalo non o sabemos localizar. Aínda que doa, a Costa da Morte é un exemplo. Moita xente non sabe onde está nin que é. Por outra banda, a un xaponés lle falas de Compostela e sabe que é, pero a Costa ,non. Temos que ter un produto moi ben representado para que destaque. Sen ese paraugas que é Galiza, teriamos menos forza no mercado. Estou convencido. Compostela ou Rías Baixas dan moito máis do que quitan.

-¿Como está na actualidade a CMAT?

-Hai un ente incipiente que se está intentando conformar e eu alégrome de que exista. Teremos que intentar que sexa útil, válido e capaz de definir a estratexia turística para todo o territorio. Esa estratexia ten que ser conxunta e coherente. A CMAT ten que estar presente nas feiras e presentar a Costa da Morte como un todo.

-¿Que cousas pensa que habería que mellorar?

-De momento é moi prematuro e non son quen para dicir que teñen que facer. Todo pasa pola mellora da profesionalidade e calidade turística do xeodestino. Se somos capaces de melloralo vamos estar moi ben posicionados. Temos o medio e agora hai que pelexar por cousas como o transporte. Son cousas que están faladas. Hai que saber colocar no mercado os paquetes turísticos axeitados. Cando se consiga, imos notalo. O nacemento é difícil pero este ano débese consolidar a CMAT ou haberá que buscar outras fórmulas. Este ente debe ser o que negocie a presenza da Costa da Morte nas feiras no 2018.

-¿Como é a relación con APTCM?

-Ben. A verdade é que á CMAT quédalle moito por facer. Non hai máis relación que a que pode xurdir nas asembleas. Hai moito que mellorar na coordinación.

-¿Que lle parece que haxa un delegado para o fútbol da Costa e non un responsable de turismo?

-Non entendo ese símil que se fai. A Federación é un ente administrativo e o turismo é un sector económico. Tense que estruturar e investir doutro xeito. Na CMAT teremos que buscar un axente que nos presente un bo proxecto. Como negocio, os axentes organízanse como consideren. A Federación nomea un representante, pero o turismo non cumpre o mesmo patrón.

-Tamén hai Concellos con técnicos de Deportes e sen persoal de Turismo.

-Aí estou totalmente de acordo. Na Deputación sacamos unha liña de axuda para ter técnicos de turismo. Hai concellos que enchen a boca falando de turismo, pero non teñen técnicos para tal fin. Encontramos ese déficit e tratamos de axudar aos concellos para que conten con técnicos especializados.

-¿Que opina da taxa turística que propón Martiño Noriega?

-O día que teñamos un problema na Costa da Morte teremos que mirar se hai necesidade. Nestes momentos, non hai debate. Cada realidade é singular. Temos que facer que o turismo sexa rendible, pero que non nós coma como territorio. Non pode terminar sendo un problema.

-¿Cal é a súa opinión das demandas que se fan desde O Camiño dos Faros?

-O Camiño dos Faros ten un convenio moi importante coa Deputación. O problema é que transcorre por lugares que non é competencia dos Concellos e da Deputación. Teñen que ser outras administracións as que impulsen eses cambios. Temos que axudar entre todos a que se manteña e preservar a área pola que discorre. Estamos moi contentos de colaborar, pero as dificultades son varias.