Carballo é

nel vidal barral

CARBALLO MUNICIPIO

Jose Manuel Casal

«Se cadra é por estar aquí, pero creo que moito me foi cambiando a percepción. E creo que moito lle foi cambiando a percepción de Carballo á propia xente de Carballo, que é o máis difícil. Como que hai máis «Carballo positivo», que diagnosticaría o pediatra Álex Ávila. (...). Para min Carballo é boa imaxe»

22 ene 2017 . Actualizado a las 13:26 h.

Desde que con once anos fun para Santiago sempre me dixeron que había que ter coidado nas Trompas ou en Vite, que eran malas zonas, que non eran de fiar. Daquela a Vite tampouco ía habitualmente, pero nunca me desgustou, e sempre vin nese barrio un aquel moderno, unha especie de pequena Brasilia local pola planificación e a innovación urbanística. E nin nunca fun a Brasilia nin tiña coñecemento urbanístico ningún, pero aí me quedou na cabeza esa relación a partir de algo que se falara na clase de Sociais. Polas Trompas si que moito teño ido, pois era o camiño que máis me gustaba para ir de Belvís ao centro. E non, nin atracos, nin xeringas, nin nada semellante me cadrou a min por alí.

E cando con 23 anos (e vai para 14!) vin facer uns exames e, como consecuencia de aprobalos, traballar a Carballo, pasoume algo parecido, pero con impacto multiplicado. O pouco que sabía era polos compañeiros da zona cos que estudara e aos que lles chamaban «moinos» ou «moinantes», sen saber eu moi ben de que ía iso. Ou por Ribeira, que cando había (e hai) roubos os sábados no mercado, era que «viñeron as de Carballo». Carballo era moito peor cás Trompas e Vite xuntos, e a Carballo acabeille collendo moito máis cariño ca, tamén, ás Trompas e Vite xuntos.

Cambioume totalmente a imaxe ao chegar. E iso foi o primeiro: a imaxe. Moito me chamou a atención o coidado no deseño de moitas cousas. Primeiro os carteis de sinalización das parroquias, o logo municipal e a coherencia nas cores, pero tamén, e sobre todo, o deseño de materiais comunicativos, cartelaría de actos e eventos... Nada se anunciaba de calquera maneira. E comecei a ver que Carballo é imaxe, principalmente grazas a unha persoa como Alberto Gende que, a través das súas creacións, cambiou a miña imaxe da vila, e seguro que a de moita máis xente. E xunto con Alberto estaba o seu irmán Juan Félix. Unha familia de artistas con Xurxo á escrita e Diego á guitarra.

Agora, cando alguén me pregunta ou me fala algo de Carballo, a verdade é que o fai principalmente sobre murais, actividade cultural, praia de Razo, Carballo Interplay, pan (que luxo!) ou para preguntar se segue aberta a dozaría Vella. E xa hai anos que a xente deixou de me preguntar se Carballo ten mar, ou que non se sorprende cando lle digo que si.

Non sei, se cadra é por estar aquí, pero creo que moito me foi cambiando a percepción. E creo que moito lle foi cambiando a percepción de Carballo á propia xente de Carballo, que é o máis difícil. Como que hai máis «Carballo positivo», que diagnosticaría o pediatra Álex Ávila.

Cada quen ha ter o seu Carballo, pero, para min, Carballo, dicía, é imaxe, boa imaxe. Pero, tamén, Carballo é pequeno comercio innovador e ben atendidiño. Carballo é a lista de chíos de Henrique Mariño en Twitter cando na televisión se fan programas sensacionalistas sobre o municipio. Carballo é deporte formativo, inclusivo e sostible con Xiria, Lubiáns, o Club Ciclista, Sofán, Bergantiños ou San Lorenzo. Carballo é raxo de mil maneiras en locais hostaleiros cunha chea de petiscos xeitosos. Carballo é popularización do teatro co FIOT e os seus carteis de entradas esgotadas. Carballo é Aula 11 versionando a Manuel María debaixo dunha ponte. Carballo é defensa e posta en valor do natural con Senda Nova. Carballo é o formigueiro dos parques. Carballo é Rosalía recitando, ensinando ou falando de que temos os subsolos conquistados. Carballo é, compre seguir facendo saber, feira todos os xoves e segundos, cuartos e quintos domingos de mes. Carballo é orgullo do propio con Arume, Nemeth, Lumieira, O Candil ou Argazo. Carballo, como o Anllóns, é «un río que se marxinou», con música dos Poetarras. Carballo é Artes, o outro Artes que hai ademais do meu Artes, o de Ribeira. Carballo é arte con Derrubando muros ou CreaFormas. Carballo é surf formativo para todas as idades e nacionalidades. Carballo é parroquia viva e comprometida. Carballo é Costa Norte/ZFK. Carballo é conversa bilingüe galego-alemán de grupos de adolescentes no verán e matrículas suízas no Nadal. Carballo é Rebeldía facendo festivais. Carballo é o viño dos venres, domingos e festas de gardar. Carballo é baño en auga quente ou fría, doce, salgada ou minero medicinal, sulfurada sódica bicarbonatada, de mineralización débil. Carballo é De la Viña escribindo no Valle. Carballo é sol se en Razo está cuberto, ou neboeira se en Razo quenta o sol. Carballo é unha chea de bandas punk, rockabilly, pop ou indie. Carballo é dicir «si ha!» cando hai que dicir si ha!, e “non ha!” cando hai que dicir non ha! Carballo é alimentarse co arrecendo de Chocolates Mariño pola rúa. Carballo é o sorriso e os cadros de Milagros Cotelo. Carballo son todas as que están, aínda que non están todas as que son. Carballo é, e oxalá siga a ser, lingua. Carballo é...

DNI. Nel Vidal Barral. Nel Vidal Barral (Artes, Ribeira, 1980) é licenciado en Filoloxía Galega e, desde 2003, técnico responsable do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo. Foi presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e director de Culturgal. Anda sempre dun lado para outro entre Val do Dubra, Carballo, Santiago, Ribeira e Taboada.