«Na asociación somos unha piña»

Tras formar parte da directiva desde hai 10 anos asume agora o reto de substituír na presidencia a José Esmorís Puñal


A nova presidenta da Unión Democrática de Pensionistas de Sofán, Natalia Carracedo Alonso, explicou onte en Radio Voz que asume o cargo coa responsabilidade que supón substituír a Jesús Esmorís Puñal e a intención de traballar todo o necesario para que a entidade siga a ser un referente en toda a comarca. Na actualidade ten sobre 500 socios non só de Sofán, senón tamén do resto de Carballo e de outros municipios, como A Laracha, Coristanco ou A Coruña.

-¿Que tal estes primeiros días na presidencia?

-Afacéndome, aínda que xa levaba máis de 10 anos na directiva. Era a que levaba o tema das excursións, porque esta é unha asociación que fai moitas. Tratamos de facelas o máis económicas posibles para que todo o mundo poida participar e somos nós mesmos o que preparamos todo e o financiamos. Onte mesmo [polo martes] pechamos a que faremos en maio, que será a Peñíscola e para a que xa temos dous autobuses cheos e algunha xente en reserva. Somos unha asociación de voluntarios na que ninguén cobra.

-¿Cantos anos leva sendo socia da entidade?

-Pois nós viñemos de Xenebra a finais de 1991 e naquel momento xa nos fixemos socios porque a asociación xa existía antes. É unha asociación sen ánimo de lucro e na que traballamos todo o que podemos para que toda a xente estea contenta, aínda que sempre hai algún que protesta.

-¿Que supón substituír a José Esmorís Puñal?

-Foi un presidente marabilloso e moi boa persoa. Tivo que deixalo por motivos de saúde, pero nomeámolo presidente de honor así que vai estar aí un pouco e xa lle dixemos que contamos que nos axude un pouco. A min pilloume un pouco desprevida porque non contaba que me puxeran de presidenta, pero aceptei porque somos todos unha piña.

-¿Como foi o momento no que lle propuxeron ser presidenta?

-Estabamos na asemblea e cando o presidente dixo que o quería dicir, eu preguntei se alguén quería entrar pero todos levantaron a man para que fora eu. A miña idea é traballar todo o posible e facelo o mellor que poida.

-¿Que outras actividades fan a maiores das excursións?

-O ano pasado fixemos un obradoiro de memoria, e tamén tivemos manualidades e teatro. Pero como non temos subvencións este ano o teatro pasou á asociación de veciños. Tamén temos ximnasia a través do Concello e vou intentar co alcalde para ver se podemos conseguir máis prazas porque houbo xente que quedou fóra e está en lista de espera.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Na asociación somos unha piña»