Carballo presenta un Nadal Cultural colorido e moi variado

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

. p. B. M. < / span>

Ata 60 propostas integran o programa, dende este domingo ata o 6 da xaneiro. Isto é o que vén na primeira semana

09 dic 2016 . Actualizado a las 13:50 h.

Este Nadal Cultural 2016 que vai vir en Carballo será un dos máis coloridos que se lembran. Polo menos en canto ao cartel anunciador e en canto á postal gañadora, presentadas onte no Pazo da Cultura ao mesmo tempo que a intensa programación para as vindeiras semanas. Mesmo os accésits poderían ser tamén traballos primaverais. Poida que os días de ceo azul influísen na creatividade dos nenos, como dixo a tenente de alcalde Milagros Lantes. O caso é que vén por diante un tempo intenso no que as actividades chegarán a moitos espazos da vila (Pazo, ludoteca, biblioteca Rego da Balsa, mercado, a rúa, distintos locais sociais...), tal e como afirmou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo.

El foi o encargado de enumerar as propostas, nas que se inclúe teatro, música, arte, maxia, literatura, monicreques... Un ano máis, Todo Lar colaborou co Concello sufragando os premios do Concurso de Postal e Cartel de Nadal (gañado por Delia Antelo, do colexio Bergantiños, e por Sasha Fernández, do Artai, respectivamente). José Manuel Naya, en representación da empresa, afirmou que «é un pracer» esta colaboración, sobre todo tendo en conta a alta participación no certame (case 1.500 nenos). Agradeceu ao Concello que siga investindo en cultura. A súa axuda vén xa dende atrás, dende o 2007. Se ben no 2009, 2010 e 2011 foi difícil mantela, segundo recoñeceu, optou por pensar que «os nenos non teñen a culpa da crise», de aí que seguise apoiando o Nadal Cultural. Lantes, pola súa banda, agradeceu esa sensibilidade empresarial aos distintos colaboradores e incidiu en que, un ano máis, dende o Concello se fai un esforzo por ter unha programación variada no que todas as ideas, públicos e sensibilidades poidan atopar algo interesante.

O Nadal Pequespectacular, con catro funcións, ou o DAC-Outono Cultural co apoio da Deputación son algunhas das propostas. No primeiro caso, os espectáculos serán o martes 27 (teatro), o mércores 28 (monicreques), o xoves 29 (música) e o venres 30 (maxia), todos eles ás 18.00 no Pazo. Pódense reservar entradas entre os días 19 e 30. O programa do Nadal Cultural ao completo inclúe unhas 60 actividades, ata o 6 de xaneiro e coas correspondentes recreacións de Beléns ou cabalgatas. Isto que segue é o que vén na vindeira semana:

Domingo 11

DAC-Outono Cultural Irmandades da Fala (animación teatral) • 12.00 • Praza do Concello e rúas • A través de Culturactiva. Organiza a Deputación e colabora o Concello. 

Presentación Inverno Ancestral • 18.00 • Escola de Oza • Coa asociación Senda Nova. Inclúe magosto para todos.

Martes 13

Exposición O Apalpador Imaxinario • 19.30 • Rego da Balsa • Con Senda Nova tamén. 

Comezan as Historias de inverno • 19.00 • Polas parroquias • Con carácter semanal, a cargo de Senda Nova.

Mércores 14

O Rato Ilustrador, Trinke Trinke Teatro • 17.00 e 18.00 • Rego da Balsa • Acceso libre con invitación. De 3 a 8 anos.

 «Allô L’Espoir», A Troupe da EOI • Teatro en francés, ás 18.00, no Pazo • Acceso libre.

 Comeza a visita do Apalpador aos colexios • Ata 0 21.

 Comeza o concurso de escaparates de Nadal, ata o 25 • Hai 2.000 euros en premios, con Promoción Económica. 

Xoves 15

Presentación literaria: «Ex Vite», de Mónica Noya • 20.00 horas • Rego da Balsa • Libre.

Presentación literaria: «GAlicia, o galego e os galegos», de Cabeza Quiles • 20.30 horas • Casino de Carballo • Libre. Organizada Inst. Estudos Bergantiñáns. 

Venres 16

Mercarte • De 11.00 a 20.00 • Mercado • Exposición e obradoiros de artistas bergantiñáns. Organiza a entidade Crea Formas e seguirá o 17 e o 18.

DAC-Outono Cultural, Menú da Fala (teatro), con Carlos Blanco e Luis Davila • 21.00 • Pazo da Cultura • Acceso libre e gratuíto, pero hai que recoller previamente as invitacións. Pode facerse a partir deste venres, de 11.00 a 14.00 e de 19.00 a 20.30, no Pazo. A data límite é o propio día 16, de 11.00 a 14.00. En billeteira, a partir das 19.30. Máximo 4 por persoa. 

Sábado 17

Festival Nadal • Local social, ás 17.00 • Organiza A.C. Aquelarre.

 Cantos de Nadal e entrega dos premios do Concurso de Postal e Cartel de Nadal • 18.00 horas • Pazo da Cultura • Concerto Coro Voces Brancas, O Candil, Vagalume e A. C. R. D. Razo. Acceso libre.

 Pregón de Nadal e Recital de Panxoliñas • 20.00 h. • Igrexa • Organiza Asoc. Pais Católicos.

 Noitiñas de Nadal • 21.30 • Adro da Igrexa • Colaboran as entidades de Arume (Berdillo).  

Domingo 18

Festival de Nadal de Aspaber (Pazo, 12.00, acceso libre); obradoiro de xoguetes na escola de Oza (16.00); teatro no centro social (18.00, con A Xanela); e Festival de Nadal para a terceira idade (18.00, Pazo, coa cantante Rocío Pérez).