«Este novo libro intenta axudar a ensinar como somos os galegos»

Fernando Cabeza Quiles acaba de publicar un volume que indaga na forma de ser dende moitos puntos de vista


Carballo / La Voz

Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953) dá un paso máis na investigación sobre Galicia. Habitualmente está centrada na toponimia, pero hai vida máis aló do estudo da orixe nos domes de lugar. Vida galega, porque diso trata o seu novo libro: Galicia, os galego e os galegos, publicado por Toxosoutos, a mesma editorial coa que sacou a súa penúltima obra sobre os topónimos de orixe celta. Tamén hai toponimia, pero pouca. Abonda a socioloxía, a historia, a psicoloxía, a antropoloxía... Unha mestura de factores que permiten entender mellor o ser da terra grazas ao traballo deste licenciado en Filoloxía Hispánica e diplomado en Maxisterio, amante e practicante do ciclismo, que reside en Carballo, agora xa xubilado da docencia. Ese cambio no rexistro débese, segundo explica, a que lle gusta ser «polígrafo», tocar un poucos todos os paus. Igual que sobre as dúas rodas se lle daba ben subir e baixar, llanear ou facer fondo, na escrita, o mesmo.

A idea xurdiu pouco a pouco. Parte da base de que, na súa opinión, cada vez que había eleccións e os partidos galeguistas tiñan mal resultado, iso ía contra o país. «Os que van a unhas eleccións teñen que entender aos galegos. E os galegos non somos doados de entender. Este libro intenta, querería, axudar a ensinar como somos os galegos. E non somos doados de entender».

A seguinte pregunta é evidente: ¿Como somos? Non hai unha resposta, hai moitas. «Somos ambiguos. O galego nunca di, ou raramente, si». O interlocutor non acaba de telo claro, por exemplo se un non é un non, ou é un si. ‘¿Fasme isto?’ ‘¿E non che hei de facer?’!». Damos moitos rodeos, a curvofilia que o autor lle chama. «É máis ben unha curva psíquica, metafórica», di.

Máis características: non nos queremos comprometer demasiado. «Damos respostas que non nos comprometan, aínda que despois fagamos máis do que prometemos, e facemos iso para non crear falsas expectativas», sinala.

A ambigüidade vén, en boa parte, pola humillación que sufriu Galicia nunha época determinada. «Hóuboa. E a retranca é como unha defensa ante ela». Aquela «doma» na que se falaba nos tempos dos Reis Católicos, por exemplo.

«Temos moita cabeza, moita intelixencia», engade o autor. «Aínda que ás veces nos fagamos o parvo. O castelán non o fai, porque lle parece unha deshonra, pero ao galego non lle importa».

A lista é longa: «Temos unha enorme capacidade para adaptarnos a todo, mesmo ás circunstancias máis adversas», algo que tampouco se ve moito noutros sitios.

Da toponimia non fala moito, Cabeza deixouna algo de lado, pero non de todo. «Hai topónimos que amosan a nosa afección á propiedade privada, e que teñen moita relacións cos muros ou cos valados». Algunha outra mención, pero non demasiadas. O que busque iso terá que ler algúns dos moitos libros que xa ten escritos Cabeza Quiles, e os que virán, porque sempre está preparando algo.

Este ensaio de como somos pode chamar a atención en alguén que non naceu en Galicia. Leva, coma quen di, toda a vida nela, pero a metade da súa familia é castelá: de Valladolid, Guadalaxara e Madrid. E iso, para el, é unha vantaxe. «Iso ensinoume a coñecer aínda máis Galicia, polo contraste». Lembra cando, reunidos tofos os membros da familia, podía comparar, especialmente nas discusións: «O galego non reprobaba nunca. O castelán era máis visceral».

Cree que todo cambiou moito con tanta globalización, pero o substrato aguanta. Recoñece que hai unha Galicia que vivía nunha especie de prehistoria, que mantivo aos mesmos costumes durante séculos, que xa deixou de existir, «pero aínda se mantén a esencia». Moito lembra cando vivía na Estrada, hai moitos anos, e como lle gustaba moverse polas aldeas cos amigos para coñecer como era todo, aquela vida. Esas vivencias foron facendo semente para unha publicación como esta nova que ten».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

«Este novo libro intenta axudar a ensinar como somos os galegos»