Vimianzo, Carballo e Cee, portas de entrada na comarca do novo ciclo cultural provincial

Á. palmou

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

A descentralización e o acceso a públicos diversos guían o programa dedicado a Castelao, Manuel María e ás Irmandades

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A presentación onte en Carballo das actividades que o programa da Deputación DAC-Outono Cultural traerá á Costa da Morte serviu tamén de posta en escena dunha nova etapa por parte do organismo. Así o afirmaron tanto a súa vicepresidenta, e responsable de Cultura, Goretti Sanmartín, como os alcaldes de Vimianzo e Carballo, Manuel Antelo e Evencio Ferrero.

«Desde a Deputación estase a facer un traballo extraordinario para descentralizar a actividade que moi maioritariamente se facía nas grandes cidades, nomeadamente na Coruña. Afortunadamente hai vida máis ao sur, ao leste e ao norte da Coruña, e Carballo, xunto con outras localidades como Cee e Vimianzo, dará á xente do noso territorio a oportunidade de desfrutar deste programa», explicou Ferrero nun acto no que tamén estaba prevista a presenza do alcalde ceense, Ramón Vigo, aínda que finalmente non puido acudir polo encerro que os traballadores de Ferroatlántica están a realizar naquel consistorio. «Estabamos acostumados a unha Deputación que facía só política cultural para os ámbitos urbanos», engadiu Antelo, sinalando tamén como outros valores importantes da nova programación o feito de abranguer a público de idades diferentes e «mesturar o ocio e o desfrute co coñecemento de persoeiros tan importantes na nosa vida e na identidade de Galicia».

Nas 18 comarcas

Carballo, Cee e Vimianzo, como cabeceiras das súas comarcas, son a porta da entrada na Costa da Morte dun programa que levará a 18 municipios de toda a provincia (un por bisbarra) máis de medio cento de funcións e que nesta ocasión conmemora o centenario das Irmandades da Fala, o Ano Castelao Artista e o Día das Letras Galegas de Manuel María.

«A nosa intención fundamental é que espectáculos de moi alta calidade poidan chegar a concellos pequenos e medianos, con figuras de máximo nivel como Carlos Blanco, Luís Davila, Caxade, Mónica de Nut, Isabel Rei, Fran Risco, Luís Iglesia... Hai unha representación de quen está realmente facendo hoxe cultura dinámica», sinalou Goretti Sanmartín. Ademais, explicou que espera que este Outono Cultural «teña continuidade e que acabe sendo un referente da posta en valor da importantísima cultura do no noso país, pero que parece que ás veces só se pode gozar nalgúns espazos privilexiados»