«Aceptamos calquera doazón, salvo cartos»

v. couto / Á. palmou

CARBALLO MUNICIPIO

JVQ

O fotógrafo carballés traballa na décima edición desta iniciativa para axudar aos nenos do norte de África

16 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Rally Dakar levou ao fotógrafo carballés Kiko Rojo a Marrocos hai xa 10 anos onde descubriu a realidade dunha terra chea de necesidades, sobre todo, entre os máis pequenos. A competición mudouse despois a Sudamérica, pero Rojo non deixou de regresar ao norte de África coa campaña Un niño, un lápiz, que este ano alcanzará a súa décima edición.

-¿En que consiste esta iniciativa?

-Non deixa de ser un proxecto humanitario, aínda que iso soe moi grande e moi forte. Comeza cunha viaxe que fixen no 2006 a África facendo un seguimento fotográfico do rally Dakar, antes de que este pasase a América. Coa xente que coñecín naquela época decidimos seguir viaxando a aquela zona e centrarnos en axudar no Sáhara marroquí.

-¿Que o levou a poñer en marcha un proxecto así?

-Toda a xente que viaxa a estes países ve as carencias que hai e iso lévache a intentar humildemente aportar o teu graniño de area. Aínda que ao primeiro vaias con outras ideas, como practicar deporte ou facer fotografía, sempre acabas ideando algo ou uníndote a algo para axudar. No noso caso empezou con material escolar e despois fomos vendo que os máis pequenos teñen moitas outras carencias, así que aproveitando o que a nós nos sobra tratamos de compartilo con esa xente.

-¿Como perciben os seus fillos esta iniciativa?

-Roberto, ten 14 anos, e Carolina vai cumprir 10. Comezaron a vir comigo cando xa eran un pouquiño grandes, e estou completamente orgullo do que fan e de como se involucran; a verdade é que levas unha lección de vida e humildade. Sorprendeume moi gratamente ver como o viven e como fan todo o que poden para axudar aos nenos. Nunca se me esquecerá a cara de Carolina a primeira vez que foi cando, despois de dicirlle que íamos repartir a unha escola, chegamos alí e viu que era un cuartiño de bloques que nin tiña fiestras.

-¿Como se pode colaborar coa campaña?

-Aceptamos calquera tipo de doazón, salvo cartos; collemos calquera material que a xente poida aportar e entregámolo todo o man. Non se lle dá a ningunha organización nin hai intermediarios, senón que cada ano buscamos unha zona distinta e imos alí a repartirllo aos nenos e ás escolas. Levamos material escolar, roupa e ultimamente tamén menciñas porque é algo que fai moita xente, pero neste último caso si que llo damos a organizacións de médicos voluntarios. Eu teño un estudo de fotografía aquí en Carballo, xunto ao Mercadona, e se alguén quere aportar algo será ben recibido.