A nova mina de Monte Neme

adrián eirís torres

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

«Un colectivo similar ao de Monte Pindo podería defender e promover unha nova explotación propia do século XXI a través dunha verdadeira recuperación»

15 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días estase a falar moito do Monte Neme. Case todos nós temos unha lixeira idea do que supuxo e algunha vez escoitamos historias ou lendas del, pero a verdade é que segue sendo un gran descoñecido. Atrévome a dicir por iso que é un filón que aínda ten moito que aportar á zona, e tamén me atrevo a dicir que é un caso paradigmático máis do pouco tino que historicamente os carballeses (con permiso dos malpicáns) tivemos cos nosos símbolos. Para min, o Monte Neme tamén é un trole, a antiga igrexa ou a antiga casa do concello desaparecidos.

Sen entrar moito no lío, paréceme que o plan de rexeneración é un proxecto de urxencia para saír ó paso cando foi o da ruptura das balsas, pero que se queda curto no seu plantexamento. Con razón busca facer máis segura a zona con valados, drenaxes e estabilizando os taludes, pero non vai máis alá de propoñer a zona como de pasto. E isto, é só un punto de partida que tamén deixa a porta aberta a unha futura reexplotación mineira-industrial, o que debe facernos plantexar as xentes da zona o custo de oportunidade que supón ter un potencial atractivo turístico desaproveitado, que beneficiaría á comunidade, adicado a unha explotación industrial privada de rendementos dubidosos.

O Monte Neme ten un filón turístico. En canto ás paisaxes, é un balcón da Costa da Morte con vistas espectaculares dende ás marismas de Baldaio ata ás illas Sisargas. En canto ao wolframio, formou parte da Historia a nivel global (por suposto tamén a nivel local, non se entendería Carballo sen entendelo) na época da Segunda Guerra Mundial, e agora estase falar dun proxecto a nivel europeo na rexión Galicia-Norte de Portugal de turismo industrial vencellado ó wolframio. En canto á mitoloxía e o megalitismo, era o Nemeth, un bosque sagrado, e ten a Eira das Meigas, un círculo lítico que se ben non deixa de ser un elemento simbólico, xa que non se sabe a súa ubicación orixinal, podería formar parte dun proxecto en conxunto máis amplo de megalitismo na Costa da Morte. E tampouco hai que esquecer que o monte actualmente xa é un polo atractivo de actividades de carácter lúdico-deportivo como rutas de bicicleta ou andainas.

Creo que temos unha gran oportunidade, e igual que aqueles pioneiros da extracción do wolframio souberon ver e foron capaces de explotar esa gran oportunidade, esta xeración debería ser audaz e saber ver o que nos di a berros e supón este lexendario monte, ironicamente bastante visible dende toda a zona. É por iso que tamén me gustaría facer un chamamento ás institucións públicas, colectivos e cidadáns da zona a facer un movemento ou colectivo «Monte Neme», do estilo asociación Monte Pindo, por exemplo, para que se poida promover e defender unha nova explotación de Monte Neme propia do século XXI a través dunha verdadeira recuperación e posta en valor deste símbolo noso.

O carballés Adrián Eirís Torres é técnico SIX no Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica da UDC (CartoLab).