O FIOT volve mirar a Irlanda para coproducir «O Tolleito de Inishmaan»

A obra, adaptada e dirixida por Cándido Pazó, será estreada este venres en Carballo


carballo / la voz

O FIOT fixo hai 5 anos o seu debú nos labores de coprodución teatral cunha exitosa adaptación dunha obra de Martin McDonagh que acabou por alzarse con cinco premios María Casares, así que os antecedendes para a nova incursión do festival carballés nestas lides son inmellorables. O autor irlandés volve a ser o elexido neste proxecto no que tamén repiten dous dos actores daquel Cranio furado, Santi Romay e Evaristo Calvo, e ao que se suman outras caras moi coñecidas da escena galega, como Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luís Iglesia, Marcos Pereiro e Susana Dans, baixo a dirección de Cándido Pazó, autor tamén da adaptación do texto.

Todos eles -salvo De Barreiro, Iglesía e Roja- disecionaron onte no Pazo da Cultura carballés o contido de O tolleito de Inishmaan, a obra que será estreada de xeito oficial este venres nese mesmo escenario e que se poderá ver de novo o sábado antes de que marche a percorrer os auditorios do resto de Galicia. «Aquí sempre houbo unha querencia por certo tipo de teatro irlandés porque ten algo que fai que pareza un teatro noso: dános a impresión que coñecemos ás personaxes. Esta xente que é dunha pequena illa de Irlanda parece dunha das nosas aldeas. Son personaxes familiares e cando falabamos deles todos dicíamos que coñeciamos a alguén así», razoou Pazó para explicar o éxito das obras de McDonagh e outros actores similares nesta terra. O director sinalou que esta montaxe é unha peza «eminentemente de actor e por pequeno que sexa un personaxe cada un deles ten algún momento absolutamente protagonista». Así nos oito intérpretes recaerá a responsabilidade de facer partícipe ao público dun texto «que está a cabalo entre o humor e o drama; entre a emoción, a melancolía e a risa; nese mundo no que podemos rir de cousas que en realidade non deberían producir risa, ou mesmo contrario: ante situacións cómicas entrar nunha estraña melancolía como pasa co humor de Castelao».

Mais prosaico, Calvo sinalou que un dos méritos do traballo de McDonagh é a súa capacidade para «tratar temas escabrosos cun tono contundente nas formas e nas palabras, pero que no contido continúa a ser profundamente humanista. Demostra que no medio da bosta ás veces pode refulxir a humanidade; é capaz de presentar unha patina de merda na que crecen flores».

Primeira anécdota

Esa capacidade para humanizar o drama e arrincar sorrisos xa se puxo de manifesto no pase previo que a compañía realizou a semana pasada na Illa de Arousa e propiciou mesmo algunha anécdota ao rematar a función, tal como relatou o malpicán Santi Romay, intérprete do tolleito do título obra e principal responsable -xunto coa produtora Belén Pichel de que o proxecto collese forma-: «Unha señora achegóuseme e díxome: ‘eu quería rir, pero ao verte así de tolleito... pero xa vexo que estás ben». Por iso Romay anima ao público a rir sen complexos, práctica que algún dos actores confesou estar seguindo xa. «Nos ensaios eu estou morto de risa así que supono que na estrea tamén o estarei», recoñeceu Marcos Pereiro. «Todos xuntos tratamos de que isto sexa unha festa teatral para o público», resumiu Pazó.

 

Unha montaxe de raíces bergantiñás

A presenza nesta montaxe da produtora carballesa Belén Pichel (responsable xunto a Pazó de Contraproducións), Santi Romay (Malpica), Marcos Pereiro, que lembrou como as Cantareiras de Ardebullo abandonaron o seu apelido orixinal (de Berdillo) tras unha actuación en Carballo, e Susana Dans e Cándido Pazó, Xograres de Outono do FIOT, fan que esta obra teña unha importante pegada bergantiñá. Mesmo Evaristo Calvo asegurou que o autor do texto orixinal é orixinario «do Bergantiños de Irlanda».

Tanto o presidente da asociación Telón e Aparte, Alberto Sueiro, como o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, mostraron a súa alegría por esta estrea e o seu convencemento de que a montaxe será un éxito. Pola súa banda, Belén Pichel agradeceu a colaboración do FIOT e abriu a porta a repetir este traballo conxunto no futuro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O FIOT volve mirar a Irlanda para coproducir «O Tolleito de Inishmaan»