«O feito de que meu pai escribise influíu na miña vocación»

Á. palmou

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

A primeira novela deste autor carballés, «Proyecto Exitium Z», volve destacar nas listas de Amazon

30 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A novela. A liberación, tras un accidente en avión en África, dun axente vírico que se propaga por todo o planeta causando unha pandemia, é o punto de partida de «Proyecto Exitium», a primeira novela de Fernando Cabeza Pereira, e que está protagonizada por un veciño de Carballo.

Un ano despois da súa publicación, Proyecto Exitium Z, libro encadrado no subxénero dos zombis, volveu auparse ás primeiras posicións das listas de vendas do xigante da distribución Amazon. Reafírmase así a boa acollida deste libro co que Fernando Cabeza Pereira (Carballo, 1986) debutou no mundo da novela. Este Técnico Superior en Telecomunicacións e Técnico Superior en Informática, que traballa na sede central de Inditex desde hai 5 anos, é fillo do tamén escritor e investigador Fernando Cabeza Quiles, e xa traballa en novos libros. Cabeza Pereira ten participado tamén cun relato no volume 9 do libro colectivo Contos estraños, da editorial compostelá Urco Editor, e aportará outro texto á Antoloxía literaria do Pico Sacro, que coordina o poeta ceense Miro Villar.

-¿Por que sé decidiu por este xénero para o seu debut na novela?

-A verdade é que non escribira nunca nada en serio; aínda que sempre me gustou escribir e sempre lin moita literatura de zombis, que hai de moita de calidade. Como me gustaba moito o xénero animeime a probar e a localizalo na Costa da Morte. De feito no libro hai moitas referencias á xeografía da zona: Carballo, A Coruña... e a historia comeza precisamente aí.

-Nas críticas dos lectores compárano con Manel Loureiro, o autor galego que trunfou internacionalmente con novelas tamén de zombis.

-Si, a verdade é que esas críticas son bastantes fortes e a mellor fixéronas xusto despois de ler o meu libro e como lles gustou pasáronse un pouco. Pero si que é certo que Manel Loureiro é un referente e foi quen reinventou o xénero non só en España, senón tamén en Estados Unidos, onde chegou a número 1.

-¿Habendo tantos referentes tamén audiovisuais resulta complicado afastarse ou é mellor seguir os canons?

-Fago unha especie de combinación. Hai xente á que lle gusta evadirse de todo o que existe e partir de cero, aínda que respectando o xénero, pero eu non. Eu intentei facer un libro clásico, é dicir parecido ao que xa hai, pero facendo un final diferente. Collín todas as cousas que ten o xénero, as ideas comúns que son as que adoitan gustar moito, e finalicei cun toque persoal, que é precisamente o que destacan en varias críticas como o que máis lles gusta do libro: que é unha das poucas obras do xénero que aporta un razoamento, que eu lle chamo crible ficción, de cómo sería.

-¿Terá continuidade a historia?

-Esa é a miña idea, pero agora mesmo estou traballando noutra cousa porque a verdade é que me saturei un pouco de zombis e quixen despexarme, así que estou preparando outra novela diferente, pero si, esta é a primeira parte. Pódese ler sola, pero non é autoconclusiva, senón que é o principio de algo máis.

-¿Cando poderá ler a segunda parte a xente que xa devorou a primeira e que está expectante?

-É certo que varios lectores me preguntaron en Twitter e xa lles dixen que este ano non vai ser, pero espero que para mediados ou despois do verán do 2017 estea xa esa segunda parte.

-¿Que se pode avanzar desa outra novela na que traballa?

-Pois como o tema dos zombis é un xénero moi manido e resulta complicado ser orixinal, quixen facer algo completamente diferente. É un thriller que vai discorrer dentro dun avión e ata aí podo ler. Ata agora xa teño como o 75 % do traballo feito; a parte creativa estaba rematada e póñome agora coas revisións así que creo que para Nadal ou comezos do ano que vén estará listo.

-¿Haberá algunha referencia a Carballo como en ‘Proyecto Exitium Z’?

-Si, un personaxe vai ser galego e o avión parte do aeroporto de Santiago. Non vai haber tanta relación xeográfica, pero tentarei que haxa un vínculo tamén coa terra.

-¿En que medida influíu nesta vocación o feito de ser fillo de outro escritor?

-Pois eu creo que moito, porque o ambiente que ves na casa sempre inflúe. Lembro ao meu pai escribindo sempre e ás veces líame o que estaba facendo, de feito ten algún libro infantil, así que foi moi importante. A min ninguén me obrigou, pero era algo que vía, que levaba dentro e que un día explotou e me levou a escribir.