«Imos ofrecer ao público desta noite a festa máis grande das súas vidas»

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

JOSÉ MANUEL CASAL< / span>

O grupo carballés é o encargado de abrir a primeira velada do festival Xiria Pop

23 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Xiria Pop bota a andar esta noite (Sala Dublín, 22.30 horas, 15 euros) coa primeira das súas dúas veladas de música en vivo. Grupos e artistas de longo e recoñecida traxectoria, como o inglés Vic Godard, e representantes das novas fornadas sonoras que foxen das modas, como The Hellbuckers, conviven na décimo novena edición do festival carballés, que este ano tamén presenta unha novidade: a presenza no seu cartel dun grupo local tras varios anos sen ter representación. Ese cupo cubrirao Aula 11, unha formación que en só dous anos de vida xa se labrou unha ascendente carreira plagada de premios. Manuel Eirín é o guitarrista deste cuarteto integrado tamén por Guillerme Queijeiro, Jaime Regueiro e Juan Rodríguez.

-¿Supón unha responsabilidade engadida ser o primeiro grupo carballés que toca no Xiria Pop despois de moitos anos e exercer de anfitrións?

-A verdade é que non pensamos niso, pero si é certo que non lembro ver actuar ningún grupo de Carballo no Xiria Pop. En calquera caso, non vai ser un concerto máis para nós porque imos actuar xunto a outros moi importantes chegados de Londres, Glasgow ou París.

-¿Impón compartir cartel con xente coñecida ou veterana como Shaggy Dogs ou Vic Godard?

-Si que impón.

-A pesares da súa xuventude xa teñen tocado xunto a bandas como Sex Museum.

-Si, pero para nós sempre é como se fora a primeira vez.

-¿Cal vai ser o seguinte paso tras os festivais, os premios e o primeiro EP?

-Pois estamos preparando algo, pero é segredo así que non se pode dicir nada por agora.

-¿Custa moito asimilar unha traxectoria tan ascendente?

-Nós, cando comezamos o único que queriamos era tocar, montar festa, así que a verdade é que estamos sorprendidos polo que está pasando.

-¿Como é o traballo de compoñer e ensaiar de Aula 11?

-Normalmente metémonos no Pazo da Cultura, no número 2, botamos aí toda a tarde e sempre sae algo interesante. Despois imos desenvolvendo iso e montando os temas.

-¿Vense con posibilidades de vivir da música?

-Home, que nos dera, pero a cousa está bastante chunga. Temos dado algúns pasos, pero hai que ter sempre os pés na terra e saber o que hai.

-¿Que lle ofrecerán ao público que acuda esta noite á sala Dublín?

-A festa máis grande das súas vidas; iso é o que sempre facemos. Estando nós sobre o escenario xa hai festa.

-¿Como foron os primeiros pasos do grupo?

-Pois eu coñecía a Guillerme do conservatorio e tamén a Xaime de andar por aí cando eramos pequenos, e a Juan por ser primo de Xaime, e un día dixémonos ímonos xuntar para facer algo ruído, así que aquí estamos.