«A nosa única ideoloxía é a música»

Carolina Núñez andrade, P. b. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

xesús búa< / span>

The Cerne é un dos grupos carballeses con máis traxectoria: son «clásicos contemporáneos»

31 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A música de The Cerne está composta por xente de Carballo, xente cunha paixón común. Un baixo, dúas guitarras, unha batería, un teclado e unha voz son os artífices do seu son, dende hai máis de dez anos. Guillermo Mato Fidalgo é un dos integrantes. Agora que esta prexubilado da banca, xa non ten que cambiar a gravata ao saír do traballo para coller a guitarra. Por tanto, tamén pode dedicarse a outras cousas: «Unha delas é a música, por suposto, que me encanta».

-¿Ensaian moito?

-Depende da situación que teñamos e da época do ano. Polo inverno máis, ensaiamos no Pazo da Cultura de Carballo; no verán é case imposible. Hai tantos concertos que ensaiamos neses días. En inverno unha ou dúas veces á semana, case sempre que podemos quedamos para tocar.

-¿E discos?

-Só temos un: saíu a luz no 2012, con cancións nosas e outras recuperadas doutros grupos onde estivemos. Sobre todo o batería, o baixista e eu, que somos dos pioneiros das bandas de rock en Carballo. O que fixemos foi recompilar cancións nosas, propias, daquela época. Gravalas nese cedé coa colaboración de Juan Cancela, que nos fixera os allegros.

-¿Algunha canción emblemática?

-Curiosamente, as cancións do disco só as tocamos naquel momento. O que máis nos gusta é facer as versións que tocamos nós. Desfrutas, a veces máis, tocando as composicións doutra persoa, doutro grupo, por exemplo as de Pink Floyd ou as de Gary Moore. Cando tocas estas pezas musicais co noso estilo, non son exactamente iguais, pero sempre quedas máis satisfeito de tocar unha obra de arte, que de facer unha canción túa que ao mellor estás cansado de escoitala.

-¿Estilo «cover band»?

-Están moito de moda, pero nós ultimamente xa nos saímos dese aspecto. Cremos que facemos música clásica, somos clásicos contemporáneos. Imaxínome que cando a xente tocaba cancións de Mozart, cando levaba 50 anos morto, supoño que serían cancións clásicas, pero tamén contemporáneas. Sempre facemos unha selección, en base ao que nos gusta a todos.

-¿Cal sería o voso estilo?

-A verdade, tocamos de todo: dende Pink Floyd, que é un rock sinfónico; Gary Moore, que é máis tipo blues; ata temas como Born to be wild, a versión de Hinder, que é máis cañeira. Nós non nos definimos. Nos concertos, normalmente, empezamos un pouquiño máis suave e rematamos un pouquiño máis forte.

-¿E unha época musical?

-Para min os anos 70 e 80 son os mellores a nivel musical.

-¿Como é o ambiente no grupo?

-Moi bo, neste tempo só houbo unha substitución, dende hai tres anos estamos con Fanny [voz]. Levámonos todos moi ben, a pesar da diferenza da idade porque a máis nova terá 30 anos e os máis vellos rondamos os 60. O que nos une é a música e a que tocamos gústanos a todos. A nosa premisa é que imos tocar para pasalo ben. A nosa única ideoloxía dentro do grupo é a musica.

-¿Teñen algunha anécdota?

-En todos estes anos, moitísimas. Para nós a experiencia máis grande foi cando tivemos que tocar no teatro Colón coa Sinfónica de Melide. Foron catorce concertos en diversos puntos da provincia da Coruña. A primeira vez que tocamos, tiveron que esperar porque Garban non estaba -soe chegar tarde-, 50 músicos e 50 voces, máis nós esperando por el [ri].

-¿Como resume estes anos?

-Neste tempo que levamos xuntos pasamos un pouquiño por todo: de tocar en sitios pequeniños a tocar en moi grandes. Esta idea resume todo iso, nós tocamos porque nos gusta a música.

-¿Como ve o futuro?

-O noso proxecto é conseguir tocar no estranxeiro e noutros sitios de Galicia. Tamén pode que teñamos que substituír ao guitarra Garban pero esperamos convencelo para que quede [el avanzaba hai uns días que se ía para dedicarse de cheo á música tradicional].

Últimos concertos. O pasado mes de xullo actuaron na Sala Garufa, no Festival de Rock de Rois e no Barro, entre outros lugares. Unha das mellores experiencias foi tocar coa Orquestra Sinfónica: con ela non se podían pasar nada no tempo, sempre dirixidos polo director, porque os demais músicos tocaban con partitura.