A lingua, as empresas e a infinita paciencia dos clientes

Ramón Vilar A DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA NO ÁMBITO SOCIOECONÓMICO

CARBALLO MUNICIPIO

Iso de que o cliente é o que manda non sempre se cumpre. Coñecín unha taberneira que...

07 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Iso de que o cliente é o que manda non sempre se cumpre. Coñecín unha taberneira que cando perdía o Deportivo botaba do local a toda a clientela. Subía as cadeiras ás mesas, sacaba a fregona e encarábase cos que pedían tempo para poderen rematar as súas consumicións.

-¡O bar está fechado. A durmir a mona á casa!

Se os clientes volvían ao día seguinte era, basicamente, porque se trataba do único establecemento hostaleiro que había na aldea. Acordeime disto onte en Carballo. A capital de Bergantiños acolle un curso de verán no que se analiza a situación da lingua galega no ámbito socioeconómico. Aquí hai lingüistas e representantes do mundo institucional e empresarial (dende o pequeno comercio á gran industria). A situación do galego no mundo da empresa non é a mellor, iso é sabido. Hai moita pedagoxía por facer e moitos estigmas que superar. O primeiro é que o noso idioma non é válido para o mundo dos negocios. Hai algunhas empresas que xa demostraron con éxito que o idioma propio non só non é ningunha barreira se non que é un vento a favor, tanto no noso país coma fóra. Pero precísanse moitos máis exemplos para que a normalización comece a callar no ámbito socioeconómico. A realidade teimuda é que aínda que a práctica totalidade dos consumidores galegos comprendan e, en gran parte, empreguen (e/ou valoren) a lingua propia o mundo da empresa vai a miúdo por outros camiños.

Explicouno ben en Carballo o novo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Dieter Moure: «Para min o galego é un plus de calidade. ¿Pero iso é o que pensa a maioría dos empresarios galegos? A realidade é que hai algúns con sensibilidade, pero aínda son moi poucos». Moure, que dirixe a CEG dende hai apenas seis meses, comprometeuse a cambiar radicalmente a actitude do ente empresarial e a abrir unha nova etapa reforzando o traballo a prol da normalización: «O galego está moi presente nas empresas, o problema é que o 99% dos cadros directivos non o empregan». Pero, ¿que opinan as empresas que si apostan decididamente polo galego? Na primeira das xornadas do curso houbo tres bos exemplos (R, Deleite e Todo Lar) de que a lingua é un valor engadido. Malú Bergantiños, responsable de Comunicación de R, explicou que intentan que o galego sexa unha lingua de uso normal en todas as áreas da empresa: «Para nós é un xeito de achegarnos ao cliente, o idioma é peza esencial na nosa empresa». Pola súa parte o avogado tordoiés Pedro González, voceiro da firma láctea Deleite, subliñou que os gandeiros que impulsan este proxecto teñen clara a súa filosofía: «O noso leite é galego e queremos que iso quede claro xa no idioma».

A lingua é tamén un carné de identidade, moi útil diante do cliente autóctono ou foráneo. Esta idea transmitiuna cun exemplo nítido o secretario xeral de Política Lingüística: ¿Unha botella de vodka etiquetada en ruso resta clientela? Todo o contrario, vese como un exemplo de calidade e garantía de orixe. Nesta primeira xornada do curso do verán chegamos á conclusión de que hai moito por facer. O primeiro é crer na potencialidade dun idioma que tamén nos pode abrir un mercado (o da lusofonía) con máis de 250 millóns de falantes. Pero para chegar a eses mercados primeiro temos que cambiar nós coma consumidores. Lembremos que, a non ser nalgúns bares cando perde o Deportivo, o cliente sempre manda.