«Non existen moitas oportunidades como esta»

f. rodríguez / á. palmou

CARBALLO MUNICIPIO

O Son do Castro debuta este ano Festifolk. Fala da iniciativa Fernando Mato

06 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A música cabanesa volverá a estar representada o sábado en Carballo. Fala Fernando Mato. 

-O son do Castro debuta este ano no Festifolk.

-Efectivamente. O Son do Castro estará por primeira vez porque é unha banda que creamos recentemente, pero case todos os seus integrantes estivemos no do ano pasado con outro grupo xa desaparecido.

-¿Que lles parece este tipo de propostas?

-Para a xente que nos gusta a nosa cultura e a tradición, este tipo de eventos son importantísimos. É primordial que haxa iniciativas e proxectos así e creo que todos os grupos máis ou menos pensamos o mesmo.

-¿Non hai moitas oportunidades para gozar desta música?

-Oportunidades do calado do Festifolk ao mellor non, porque isto é algo moi ben organizado, dunha gran importancia e que reúne a moita xente. Non é doado facer un encontro así e por iso botamos de menos que se fagan máis actos así.

-¿Teñen por diante un verán con moitas actuacións?

-Si, Practicamente neste mes temos todos as fins de semana (sábados e domingos) cubertas, e parte de agosto tamén.

-¿Que van tocar o sábado?

-Non o temos moi mirado, pero paréceme moi acertado que este ano cada grupo toque o seu repertorio. Non o falamos aínda entre nós, pero vai ser algo bonito.