Londres

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

29 jun 2016 . Actualizado a las 21:49 h.

s veces, cando hai referendos importantes como o de onte no Reino Unido, ou os máis chamativos de Suíza, ou cando pasa algo lonxe, poñemos o foco na xente que temos por esas terras. Ocorre a miúdo: o barrio de Montevideo onte se ubica o centro Bergantiños, Avellaneda en Arxentina, Delémont en Suíza. En todos eles hai áreas nas que a presenza de emigrantes da zona, e dos seus descendentes, é asombrosa. Tamén pasa en Londres, pero con matices. Nunha cidade tan inmensa, que non podes ver nin pola metade cando te sobes ao seu monte máis alto pensado que si vas poder, todo está diluído, repartido. É como ir de Baio a Carballo só por un dos seus lados. E as novas xeracións foron espallándose por moitos barrios.

Aínda así, quedan algúns lugares nos que se pode palpar certa esencia da Costa da Morte. O que queda do que foi a finais dos anos sesenta e todos os setenta. Igual que había parroquias nas que as casas tiñan a alguén en Suíza, en Gándara-Zas pódese dicir o mesmo de Londres. Uns tiran por outros, sempre. Ou en moitos puntos de Dumbría. Ou Mazaricos. A maioría foron establecéndose polo norte de Camden, ou por Euston, ou polas beiras de King’s Cross. Pois iso moitos acaban véndose, xa maiores, no London University College Hospital, onde ademais traballan outros veciños.

É un sitio moderno, acristalado e elevado, bo mirador nas prantas altas para seguir o voo dos avións que van e veñen de cruzar o mundo con máis facilidades que cando esta xente chegou naqueles anos, daquela que nin España nin Inglaterra estaban na UE e todo era moitísimo máis complicado. Non eran refuxiados, pero ás veces facíanlle sentir como tales.

ÁPor alí arriba, cara Islington, aínda arrecenden os bieiteiros dos xardíns, que era do pouco que lles facía sentir, ás veces, como na casa por xuño.