A festa entre nós é tempo de San Xoán

Evencio Ferrero SAÚDA DO ALCALDE

CARBALLO MUNICIPIO

«Unha bendición da natureza para entrar noutro novo tempo, trátase das plantas ceibes, con fondas raiceiras na terra, as que rexeneran a paisaxe, as que cobren co seu manto verde de esperanza calquera intento de arrogancia»

24 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda o viaxeiro para volver nestas datas, pois son os camiños sempre regresos. Carballeses, carballesas, o tempo pasa axiña e chegou outra volta a festa, e co San Xoán a ledicia, as luces, a troula. Este ano queremos lembrar a Manuel María, homenaxeado nas letras galegas e ilustre pregoeiro deste San Xoán carballés nos inicios dos anos oitenta, con algúns dos seus versos: «É a festa do patrón / agardada o ano enteiro / ¡Se a banda está tocando, / está calado o gaiteiro! / ¡Son as festas do patrón! / ¡As campás a repicar! / ¡Foguetes de sete estalos / polo ceo a retumbar! / Todo o pobo está no adro / que é a festa do patrón. / ¡E San Xoán vai moi ufano / presidindo a procesión! / ¡É a festa do patrón! / ¡É a festa de San Xoán! / ¡Bailan os mozos e as mozas! / ¡Moi ledos todos están! / ¡É a festa do patrón, / do patrón do meu lugar! / Todo é hoxe diversión / e mañá, ¡a traballar!».

Mañá a traballar como nos dixo o poeta pero a traballar coa ledicia de pensar que Carballo todo vai procurando os seus mellores abelorios e vestimentas para vivir días especiais que nos permitirán a todos disfrutar da rúa con toda a nosa xente e desexamos que todos atopen traballo, o que nos faría máis felices.

Esta praza que é para compartir problemas e deseñar melloras acolle este acto de progoeira. Unha praza que merca e vende para manter a tradición. Esta praza que ve pasar as xentes e o tempo. Coa chegada do verán, escaparemos da calor nas nosas praias para gozar do enorme privilexio da nosa costa, do noso litoral e dun mar que nos achega ao mundo e nos dá fartura. E a fartura neste país, mesmo en tempos de dificultades para moitas familias, é símbolo de festa, e a festa entre nós é tempo de San Xoán. Herbas e flores para a noite do San Xoán, o arrecendo do fiúncho, dos bilitroques, das espadanas, das flores ao relento,? todas nos protexerán. Unha bendición da natureza para entrar noutro novo tempo, trátase das plantas ceibes, con fondas raiceiras na terra, as que rexeneran a paisaxe, as que cobren co seu manto verde de esperanza calquera intento de arrogancia. A auga de rosas traerá a frescura do novo día Celebremos pois o milagre da vida.

AA música, os foguetes, a algarada será para todos. Tamén para a nosa pregoeira deste ano, Edelmira Carracedo que, facendo unha escapada das terras toledanas, recolleu a testemuña de Lois Fraga e de outros carballeses como Rosalía Fernández Rial ou Alfonso Mariño, últimos pregoeiros que nos fixeron un pouco máis felices co seu entusiasmo, compromiso, sinceridade e humanidade.

Edelmira, como muller e prestixiosa periodista, con unha excelente traxectoria profesional, lembraranos sempre ao seu irmán Jesús, vello e querido profesor, de quen tanto aprendín e compartín a inesquecible experiencia teatral de Escuadra hacia la muerte que representamos varias veces no cine Rega, cando era adolescente e o Sócrates que levamos á escena do cine Cervantes, os dous cines hoxe desaparecidos pero que conforman a nosa historia propia. Moitas grazas Edelmira por aceptar este reto desde a diáspora presente con profundas raíces en Sofán e moitos parabéns polo cariñoso pregón que nos levou a tempos vividos e sempre lembrados.

Moitas grazas á comisión que fixo posible esta programación que de xeito experimental este ano, estenderon desde o día 11 co espectacular seguimento ao Combo Dominicano até o primeiro domingo de xullo no que celebraremos a Festa do Bosque. Moitos parabéns a quen tantas horas ten dedicado para que os demais as poidamos pasar ben.

Os sons da Banda Municipal puxeron as primeiras notas desta nosa festa. Noraboa a todos os compoñentes, profesorado do Conservatorio e director Vicente Planells que está a dirixir o seu derradeiro concerto por motivo da merecida xubilación. Moita sorte Vicente e agardamos que sigas co teu compromiso musical.

A beira do río que nos dá vida vemos que a auga pasa e o tempo tamén; reitero o agradecemento a Edelmira e á Comisión de Festas e tamén quero agradecer a todas as persoas que aportan o esforzo do seu traballo comprometéndose con proxecto de todos e de todas. ¡Que así sexa! Vivan as Festas do San Xoán. ¡Que empece a festa!

Texto lido polo rexedor carballés tras o pregón de Edelmira Rodríguez Carracedo.