«O torneo mellorou moito, con equipos de gran calidade»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

JOSE MANUEL FERREIRO

Ourensá de nacemento, leva xa 29 anos na estrutura de fútbol base da exquisita Masía

19 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Procedo do chamado triángulo das Bermudas do entroido: Laza, Verín e Xinzo». Xoán Salgado naceu en Tintores (Verín) en 1942. Con apenas 17 anos emigrou a Barcelona cos seus seis irmáns. Leva xa 56 anos na Cidade Condal, pero séntese ourensá e galego como o que máis: «Considérome nacionalista e galego».

Hai xa 29 anos que forma parte da estrutura de base do Barça, como delegado dos equipos alevíns, e cumpriu as vodas de ouro como socio culé. Lembra con cariño cando o Barcelona mudou de Les Corts ao Camp Nou: «Aínda estaban os cimentos e parte da grada vella de Les Corts cando me fixen socio». Corría o ano 1960. Tamén lembra con cariño á señora Rita, unha clienta da súa tenda, artífice de que Xoán Salgado entrara no club catalán. «Tiña un fillo médico, Francesc, que, daquela traballaba no Barça, e un día propúxome ser delegado dos alevíns para cubrir unha vacante», relata co orgullo de quen goza co seu traballo.

Polas súas mans pasaron gran parte dos mellores xogadores do mundo: Messi, Iniesta, Valdés, Piqué, Fábregas, Deulofeu... «Messi é moito mellor persoa que xogador, con iso dígolle todo». De Iniesta séntese orgulloso porque, xunto cun directivo, foi o primeiro en falar cos pais naquel torneo de Brunete no que o de Fuentealbilla asombrou co seu fútbol. «Eu non teño nada que ver coa súa fichaxe, que quede claro. Iso foi cousa do club, pero si que fun dos primeiros en falar cos pais da posibilidade de que viñera á Masía», recordou Salgado onte, minutos despois de que a cadro azulgrana gañara ao Porto por 3-1. «Pero, sen dúbida, o mellor xogador ao que tiven a sorte de ter no alevín foi Xavi Hernández. O que ves na televisión agora xa o facía cando era pequeno».

Xoán Salgado, coñecido por Ferreiro, leva tres edicións no torneo fútbol sete alevín Concello de Carballo. E onte amosábase sorprendido da calidade que, cada edición, adquire o campionato: «Estamos encantados de que nos invitaran. O torneo mellorou moito, con equipos de gran calidade». Destacou o esforzo da organización por facer un cartel de envergadura, «con equipos como o Real Madrid, Barcelona, O Porto, Deportivo, Celta...».

Sobre as sensacións que lle deixa o campionato, Salgado cre que os favoritos son o Real Madrid e o Barcelona, aínda que o equipo que máis lle sorprendeu ata o de agora «é o Lugo».

Barcelonista de pro, sinte tamén especial cariño polo Celta: «Sempre que van xogar ao Camp Nou vounos ver. Lembro o pasado ano, cando gañaron 0-1. Gústame moito como xogan e a aposta tan clara pola canteira», algo que, segundo el, reflíctese no equipo alevín presente nas Eiroas.

Tan bo nivel observa neste torneo carballés que ten claro que algún acabará en Primeira División no futuro. Pero non se arrisca a dar nome algún: «O fútbol é moi volátil e inflúen moitas cousas para triunfar. Son poucos os elixidos, pero este ano hai moi bos xogadores».

Mentres continúa o seu labor no cadro blaugrana, pensa xa na posibilidade de pasar uns días de descanso en Ourense, onde ten unha casa: «Teño moita familia en Verín e sempre que podo vou visitala. Gústame estar alí».

De súpeto soa o seu teléfono móbil. Chámano dende o autobús. A expedición xa está lista para ir xantar, e el, tan tranquilo charlando na cafetería do campo das Eiroas. É que o tempo pásalle rápido a Xoán Salgado cando se trata de falar do Barcelona, Verín, da señora Rita, do Camp Nou, de Les Corts, da Masía...