Música e mundo asociativo
Desde que mostrei xa de pequeno interese pola música, as mulleres da miña casa mandáronme primeiro a aprender a tocar a guitarra; logo ao Conservatorio -formo parte da primeira fornada de alumnos que tivo o Conservatorio en Carballo, estudando ao principio nun local da Parroquia, logo no local que está esquina Camiño Novo-Desiderio Varela onde houbo ata hai pouco oficinas bancarias, e máis tarde nas instalacións da Casa da Xuventude, conservando un gran recordo do profesor Orentino, penso que como todos os que fomos seus alumnos-; e xa cando estaba cursando bacharelato no Instituto Alfredo Brañas inicieime no mundo da gaita, o que me marcou musicalmente para o futuro, ata o punto de que a día de hoxe, con moita menos dedicación, continúo tocando no Coro Aires de Bergantiños e nalgunha outra formación tradicional. Como se ve, desde a nenez a música leva formando parte dun xeito importante da miña vida e do meu crecemento como persoa.
Paralelamente á música tamén estiven vinculado sempre ao mundo asociativo. Desde novo integreime na Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude. Con eses folgos que dá a xuventude e con ganas de traballar e cambiar o mundo, un grupo de rapaces, dos que algún xa non está entre nós, como o querido Balboa, e outros seguen ao pé do cañón como o meu compadre Xosé María Arán, participamos e contribuímos dentro das nosas posibilidades na dinamización de distintos movementos culturais carballeses, que aló a finais dos anos oitenta eran un referente en toda Galicia. Carballo estaba cheo de asociacións e inquedanzas culturais, sociais e deportivas. E eu gábome de ter participado naquel bulir. Lembro con especial satisfacción, posto que se trataba de agasallar a memoria do amigo Xosé Manuel Eirís, a organización da homenaxe que se lle tributou tras a súa morte no salón de actos do Instituto Alfredo Brañas. Hoxe, con menos tempo pero coas mesmas ilusións, tentamos seguir contribuíndo a que a nosa vila estea activa e viva desde o Padroado Fogar de Bergantiños, un proxecto bonito e participativo que persegue o recoñecemento a persoas e entidades que desde diversos ámbitos contribúen a dignificar a nosa terra e as nosas xentes.