Gaiteiros

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

CARBALLO MUNICIPIO

15 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai festa pequena sempre que teña uns gaiteiros. «Aínda que sexan uns gaiteiros á saída da misa», piden nos pobos que foron perdendo xente e organizadores. Aldeas que tiñan festas e que xa non as teñen. Os gaiteiros salvan, coma para moitos as bombas de palenque, os foguetes de sete estalos. Marcan o día no calendario: «Que non pareza un día calquera». Soa a gaita e xa hai festa: esa é a raíz e, de paso, tamén o futuro do propio. Han de volver as foliadas, xa están volvendo. En Carballo anda bulindo o San Xoán e, por suposto, non faltarán os gaiteiros. Virán acompañar nalgúns casos os nove grupos que, chegados de moitos puntos de Galicia, participarán este sábado no primeiro concurso de baile da asociación tradicional Nemeth. Animarán tamén as mañás da semana máis grande da capital de Bergantiños e, para os que queden con ganas, chegados da comarca e de máis alá, xuntaranse o 9 de xullo na segunda edición do Festifolk Costa da Morte. É unha exaltación do poder do gaiteiro e da gaita, o instrumento que, ten dito Carlos Núñez, garda en Galicia toda a sabedoría de máis de mil anos. Garda as historias e os sons da lembranza, remove por dentro. No encontro do ano pasado, unha muller emocionouse na rúa: fora emigrante. Escoitaba a gaita e volvía de corazón a Galicia. Agora xa estaba nela, mais a gaita faláballe da morriña, da vida deixada. Xa di o refrán -o estudoso Xesús Ferro Ruibal ten recompilado ducias e ducias deles-: Barriga farta, tambor e gaita. Veñen tempos de festa, de encontros. O fiuncho e os días medran. Colle aire o fol. Tamén di a tradición que O amor sen conversación é coma a festa sen gaita nin folión. Velaí a importancia da gaita. Así que xa saben: falen e toquen.