«A única limitación do FIOT é o espazo»

f. rodríguez / á. palmou

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

O festival teatral carballés convida ao público a combinar a celebración do seu 25 aniversario coas súas efemérides

10 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da asociación Telón e Aparte, Alberto Sueiro, avanzou en Radio Voz Bergantiños algúns detalles dos preparativos da próxima edición do Festival Internacional Outono de Teatro, unha cita que este ano cumpre o seu 25 aniversario e que convida ao público que teña efemérides semellantes á sumarse á celebración.

-¿Como vai ser este 25 aniversario do FIOT?

-Este ano hai moitas efemérides en torno ao mundo das letras e o teatro (Cervantes, Shakespeare, Cela...) así que nos queremos celebrar aniversarios. Sobre iso vai xirar o festival e as actividades paralelas que haberá durante todo ese tempo, que este ano queremos que sexan mais longo do habitual.

-E piden a participación da xente.

-Si, porque unha das principais características do FIOT -así o recoñecen moitos visitantes e a xente do teatro- é a participación do público. O FIOT é do público e nós o que queremos é facer unha celebración participada por todos, confraternizada por todos. A idea é que todas aquelas persoas, grupos, colectivos que teñan algo que celebrar e que teña que ver con 25 anos se xunten a nós para facelo xuntos: quen cumpra 25 anos, quen leve 25 anos vivindo en Carballo ou quen faga 25 anos que rematou os estudos. Mesmo houbo quen me dixo o outro día: «eu enviuvei hai 25 anos».

-¿Tamén será especial a programación?

-Si. Queriamos facer un ano especial e estámolo intentando. Levamos algún pequeno chasco porque tiñamos algún espectáculo realmente grande e importante apalabrado e con gañas de estar aquí, pero dificultades técnicas impiden que poida ser. Concha Velasco estaba completamente entregada a vir a Carballo, pero desgraciadamente o espectáculo que ten non cabe no noso escenario. Pero o resto que virá será de gran altura e esperamos que efectivamente sexa un FIOT especial.

-¿Vai sendo hora de buscar un novo auditorio?

-O Pazo inaugurouse en outubro do 2002 coa Banda de Carballo, pero a primeira función que se fixo alí foi o FIOT e para nós foi un avance tremendo. Ten unha capacidade razoable; o escenario é un pouco pequeno pero tampouco é unha limitación moi grande salvo en casos especiais. Pero si que é verdade que tendo en conta o tempo que tardan en facerse este tipo de obras e que estamos no ano 2016 é o momento de ir pensando en facelo porque para cando estea listo o Pazo terá xa máis de 20 anos e moito uso. Creo que tranquila e serenamente, pero sen pausa, deberíase estar pensando xa en que Carballo debe en breve ter un auditorio máis grande e en outras condicións. E non só grande en canto a aforo, senón tamén na parte escénica.

-¿Que tal envellece o FIOT?

-Ten unha traxectoria longa e conta cun posicionamento entre os festivais xa non de Galicia senón de España; xa non podemos falar dunha promesa, senón dunha cita consolidada, e agora hai que pensar en darlle unha dimensión nova e distinta para sobrevivir outros 25 anos, pero iso seguramente xa será tarefa de outros. Nós facemos o que sabemos, pero probablemente teña que vir xente que faga cousas distintas e adaptadas aos novos tempos, e que coa experiencia adquirida sexa capaz de facelo máis grande. Para min é unha alegría cando vou por aí e me atopo xente que coñece Carballo polo festival.

-¿Que non se atreveron a facer ata agora?

-Nada. A única limitación que temos é a do espazo. Hamlet, de Kamikaze, que vai ser sen dúbida o gran éxito do 2016, desde o principio reservaron data para vir a Carballo, pero desgraciadamente no noso escenario non cabe o espectáculo e entón non poden vir. Os espectáculos máis grandes contan con vir a Carballo, non nos costa traballo traelos, porque saben que este é un sitio onde hai moi bo público, moita afección, e, tamén é verdade, temos fama de bos pagadores.