«Carballo somos todos: sempre defendo ese axioma e para min así o é»

Pasado un ano do 24M, fai balance deste primeiro exercicio de mandato e do funcionamento municipal


Carballo / La Voz

O nacionalista Evencio Ferrero (1955) é alcalde de Carballo dende o 2003. Nas eleccións de maio, o BNG logrou a súa primeira maioría absoluta, con 11 edís de 21.

-¿Cal é o seu balance deste primeiro ano do novo mandato?

-Carballo segue nunha excelente situación económica e lamentamos que todas esas posibilidades non poidan reverter en seguir mellorando as demandas que existen [depende do Ministerio de Facenda]. Houbo outros avances importantes: a aprobación do PXOM ou que o polígono de Bértoa fose o que máis metros cadrados adxudicou de toda Galicia, coa implantación de novas empresas. É unha excelente noticia: as empresas xerarán economía e, a economía, emprego, que é o que temos procurar sempre. Tamén se puxo en marcha a nova captación do Bardoso, agora cos axustes de analíticas, pero listo para estar operativo, e está para adxudicarse o novo ciclo da auga. Calquera destes proxectos teñen a dimensión suficiente como para ver que se está traballando continuamente en facer de Carballo ese bo lugar para vivir.

-¿Supuxo algún cambio o feito de ter agora maioría absoluta?

-Bueno, temos a seguridade de poder planificar con máis tranquilidade. Pero en mandatos anteriores, aínda minoría, aprobáronse sempre, por exemplo, os orzamentos. Estamos vendo que nalgúns concellos hai dificultades para isto. Sabemos que a corporación somos todos e que temos que contar con aqueles que representan aos veciños e veciñas. Está en marcha o proceso de participación veciñal, co proxecto dos consellos parroquiais, hai xuntanzas periódicas de portavoces... Creo que, en liñas xerais, en Carballo hai un clima de diálogo que a min me gustaría que pervivise como se veu mantendo en todos estes anos pasados.

-¿Cre que esta especie de ?paz? é cousa do bo traballo do goberno ou máis ben cuestión da oposición?

-Creo que Carballo somos todos. Sempre defendo ese axioma, e para min así o é. Todos estamos obrigados a participar nese deseño do novo Carballo. A oposición terá que facer o seu traballo, pero o que se pide é que sexa para seguir mellorando. Non tería sentido unha oposición negativista, que non permita avanzar. A sociedade constrúese día a día e nese día a día hai moitos encontros que temos que procurar e hai que tender pontes entre os grupos. Gustaríame que houbese aínda máis diálogo para que todos reflexionemos sobre o Carballo que queremos.

-A oposición achácalle falta de atención ao rural, aínda que vostedes sempre falan do saneamento ou dos locais sociais. ¿Que cre que se pode facer para mellorar estes núcleos, para que non se despoboen e se conserven...?

-Eu non participo desa dicotomía urbano-rural. O territorio municipal somos todos. Todas as parroquias constitúen un conxunto e somos un único conxunto, non hai espazos diverxentes. Cando se fala do polígono de Bértoa, non se fala do investimento nunha parroquia, senón que se fala dun investimento para o conxunto do territorio. Cando se fala do saneamento dunha parroquia, fálase de sanear o conxunto. Igual co abastecemento. As parroquias teñen que ter os seus orzamentos. Sen dúbida ningunha, o Concello de Carballo destina máis esforzo económico á xente que vive no rural que ao casco urbano. As Eiroas están en Bertoa, por exemplo, e non computa como gasto nunha parroquia. Séguenos preocupando, e de feito este ano nos orzamentos figura o de Ardaña, seguir dotando as parroquias de centros sociais. Está todo o esforzo en saneamento, a mellora viaria na que temos que seguir investindo... A actuación ten que ser permanente. Non se debe facer de maneira así simple: isto para o rural, isto para o urbano, isto para os barrios, isto para o centro... Non.

-¿Nese afán de integración hai algo pensado para as poboacións en risco de exclusión en Carballo? Falábase daquel proxecto para presentar a Europa [a estratexia DUSI]...

-Xa falta pouco para a resolución e haberá que ver se nolo conceden, porque competimos con cidades e Deputacións, ver canto nos corresponde e despois atender efectivamente a esa estrutura de equilibrio territorial, equilibro dos barrios e política de integración social para que todos nos sintamos protagonistas do Carballo do futuro.

«Facemos a política dende o entendemento e dende o respecto»

Carballo tense convertido nun punto de encontro, xa sexa pola súa actividade cultural ou deportiva, entre outras cousas. O FIOT, Rexenera Fest, Festifolk, o San Xoán, o Pequebasket, os torneos de fútbol que virán ou o Carballo Interplay son exemplos. Unhas citas xa consolidadas e outras nacendo, atraen á capital de Bergantiños a numerosas persoas.

-En ocasións ten loado e participado no traballo da parroquia San Xoán. Hai a quen lle chama a atención. Noutros lados esa relación partido-Igrexa ten sido conflitiva.

-Igual que o traballo que se está a facer por parte da parroquia non atende en exclusiva aos dunha determinada comuñón, senón que atende ás familias necesitadas independentemente do seu credo, pois eu creo que tamén todos estamos obrigados a colaborar para que a sociedade sexa o máis integradora posible. Polo tanto, claro que colaboramos, igual que as parroquias tamén colaboran co Concello. Facemos a política dende o entendemento e dende o respecto. Creo que hai que respectar todas as confesións e, dende ese principio, seguir colaborando para que as persoas teñen as mellores atencións.

-¿Cre que se o seu goberno fose doutro partido Carballo tería máis inversións, ou considera que ese tempo xa quedou atrás?

-O que si vexo é que nestes momentos a Deputación provincial retomou os criterios que nunca deberon de esquecerse ou deixar de practicar. Nos plans anteriores da Deputación, os PAI ou os DTC, tiñan uns criterios de reparto nos que se primaban as grandes cidades, e concretamente as tres grandes cidades da provincia da Coruña. Non é a finalidade da Deputación. No que respecta a outras Administracións, si penso que Carballo e os seus veciños merecen outro trato, e nese sentido seguiremos traballando.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Carballo somos todos: sempre defendo ese axioma e para min así o é»