Polas chairas máis fértiles de Galicia

José M. Menéndez PRESIDENTE DE SENDA NOVA

CARBALLO MUNICIPIO

10 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sísamo era anfitrión este ano da presentación desta Primavera en Ruta. Esta sétima edición abriase na parroquia carballesa porque, mesmo nela, se debuxaba un percorrido ao que lle queríamos dar unha merecida importancia: O Son do Anllóns. O deseño camiña polas beiras do tramo máis brincadeiro e sonoro, dos máis de medio cento de quilómetros polos que, o río de Bergantiños, rega as chairas máis fértiles de Galicia.

A xuntanza de Sísamo e as enchentes desa semana serviron para aprazar a ruta para o día 29 e para a reflexión sobre o formigonado das zonas inundables do río ao seu paso por Carballo. Tamén quixemos que servira para seguir coa idea de sinalizar, dun xeito homologado, un sendeiro que xunte as agras de Bergantiños a través da vida do Anllóns. Que o percorra na súa totalidade dende o nacemento ata a súa xuntanza co mar. Dende Senda Nova seguimos a traballar na fermosa proposta que, coidamos, co apoio dos concellos de Bergantiños, pode saír adiante.

A través dos canles fluviais mantívose unha importante área de vexetación autóctona. A viaxe polas retortas (ángulos, angulus, anllóns) é unha viaxe fóra do asfalto, formigón ou madeira exótica. Unha actividade que, desenvolvéndoa dun xeito interpretativo, pode ser un aprendizaxe a través da flora e da fauna. Un coñecemento etnográfico ao longo de muíños. Un agasallo aos sentidos dun lugar de protección europea.

Percorrer Bergantiños a través do Anllóns é facelo a través do corazón físico e sentimental dunha comarca de referencia. É facelo a carón dun entorno natural, que por natural é cambiante. É sentir Bergantiños dende a adaptación ao medio e non o medio aos zapatos de paseo.

Asumir que a propia natureza está por riba de nós é interpretala ao dereito. Gañarlle terreo á zona de influencia do río a través de bataias con formigón, pasarelas de madeira, asfalto ou zahorra soe ser perder a guerra da dignidade, da ecoloxía e do sentimento.

O propio río márcanos o ritmo dos tempos, ábrenos o pano dunha nova función en cada estación do ano, en cada retorta, cada semana ou cada día. Unha lección total de Bergantiños na que, ás veces, as botas de sendeirismo non nos cheguen para camiñar por unha zona totalmente inundada. Asumiremos que eses días, o río nos ofrece cambiar de itinerario. Quizás observar aves no veciño Baldaio. Ao mellor, escoitar algunha historia de inverno a carón da lareira. Nesa adaptación ao entorno tamén está parte do saber.

O día 29 de maio visitámoste de novo. Agardamos o teñas a ben.