A Praza das Letras de Carballo opta a un dos galardóns da Gala do Libro Galego

Á. P.

CARBALLO MUNICIPIO

CLARA LÓPEZ

María Lado, Alberto Sánchez Regueiro e Manuel Rivas aspiran tamén aos premios que se decidirán o 14 de maio en Compostela

20 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O labor a prol da literatura galega que desenvolve Carballo desde hai varios anos na súa Praza dos Libros acaba de obter un primeiro recoñecemento simbólico do sector que se podería transformar en galardón en datas próximas. Así, a cita carballesa é unha das catro finalistas (xunto co Culturgal, o Espazo Lectura de Gondomar e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos) dos Premios Gala do Libro Galego na categoría de iniciativa cultural ou de fomento da lectura.

Entre os aspirantes a estes galardóns organizados conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia figuran tamén a ceense María Lado que opta ao premio ao mellor poemario con Oso, mamá, si?, e o cercedense Alberto Sánchez Regueiro, como responsable do deseño e as fotos do libre Cociña II, de André Arzúa (na categoría de iniciativa bibliográfica). Manuel Rivas, autor moi vencellado á comarca, opta aos premios de narrativa e poesía con O último día de Terranova e A boca da terra. Os gañadores serán dados a coñecer o 14 de maio na gala que terá lugar en Santiago.