«Bailar para o público de Carballo sempre é un pracer»

v. couto / á. palmou

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

Traspediante, que o xoves xa ofreceu un adianto do seu espetáculo, leva esta tarde ao Pazo da Cultura «Up2Down»

18 abr 2016 . Actualizado a las 00:59 h.

A penúltima cita da Primavera enDanza traerá esta tarde ao Pazo da Cultura de Carballo (18 horas, 2 e 3 euros) á compañía Traspediante e o espectáculo Up2Down. A bailarina Marta Alonso, que xa sabe o que é actuar na capital bergantiñá, subirá esta vez ao escenario acompañada por Paula Quintas.

-¿Que é Up2Down?

-É un espectáculo no que mesturamos danza contemporánea e circo, no que presentamos unha disciplina circense que é bastante única aquí en Galicia que é o cable de funambulismo.

-¿Que lles aporta esa mestura de xéneros?

-Nos traballamos lindando co circo, pero sempre desde a danza. Neste caso, traballando con Paula Quintas, que é a especialista en funambulismo, decidimos crear un espectáculo que mesturara de verdade a danza e unha disciplina circense.

-¿Resulta complicado coordinar esas dúas disciplinas?

-Tanto Paula coma min somos bailarinas e xa tiñamos traballado antes en espectáculos de danza e agora apetecíanos xuntar o baile coa parte do circo que traballa Paula e outra parte que traballo eu, que é o clown e o humor. Tamén fixemos unha aposta arriscada para nós que é que a dirección dramatúrxica a fixese un pallaso, un clown.

-¿E que saíu de todo iso?

-Pois saíu o espectáculo que se poderá ver en Carballo e do que nós sentimos moi orgullosas. Estamos contentas coa proposta que saíu e disfrutámola de verdade porque podemos traballar neses tres rexistros as dúas.

-¿Como será a interacción co público da que fala a sinopse?

-Sobre todo será a través da pallasa, que está todo o rato querendo beber da enerxía que lle dá o público. En escena esta comunicación é como máis íntima, non tan directa como na rúa, pero este traballo co público tamén vai aumentando a medida que avanza o espectáculo.

-Público de todas as idades.

-Si. Ás veces anuncian «espectáculo infantil» e despois os pais dinche «pero isto tamén é para os adultos». Iso é porque presenta dúas liñas: unha que entretén ao neno e unha parte que tamén divirte ao alumno e o fai xogar e engancharse ao espectáculo.

-Repiten presenza na Primavera enDanza.

-Si, xa coñecemos ao público carballés porque xa estiveramos no ciclo co solo Baila un vestido verde e con Baleadas, que é outro espectáculo da compañía. Ademais, tiven a sorte de como intérprete traballar con outras compañías para o público de Carballo, que sempre é un pracer.

-¿Que destacaría deste ciclo?

-O programa está moi pensado, ten propostas máis conceptuais e contemporáneas, pero tamén outras máis abertas ao público xeral. E ademais hai un traballo colateral para achegar a danza ao espectador con actividades como a que fixemos nós nun centro escolar.

-¿Por que hai quen segue sendo reacio a ver danza?

-A xente entende ir ao teatro como ir a ver unha obra teatral e que a danza está nun segundo plano. Pero non pasa iso co que é estudar danza. As escolas de danza están cheas de nenos e vese como algo común ir bailar, pero non ocorre o mesmo co feito de ir a ver danza.