Arume, idoiro ou vella morta, termos exclusivos da Costa da Morte
CARBALLO MUNICIPIO
A última edición do Atlas Lingüístico Galego recolle os nomes da terra, as plantas e os árbores
16 abr 2016 . Actualizado a las 14:49 h.É notorio que na Costa da Morte hai termos específicos para designar numerosos aspectos da vida. Isto vale para case todas as comarcas galegas, pero seguramente moito máis para aquelas que estiveron longos anos illadas, non precisamente no medio de cruces de camiños. Moitos deles aparecen na última edición, a sexta, do Atlas Lingüístico Galego, que trata sobre a terra, as plantas e as árbores. Pertence á Biblioteca filolóxica galega, que recolle os traballos do Instituto da Lingua galega (ILG), e que publica a Fundación Barrié dende 1990. O volume está coordinado, como outros dous máis, por Paco Fernández Rei, catedrático de Filoloxía Románica na USC e investigador e colaborador no ILG dende 1974.
Recolle numerosos mapas, que permite saber como se lle chama ao mesmo, nos tres campos estudados, en diversos puntos de Galicia. Ou saber que é exclusivo ou case exclusivo. Algo hai. Por exemplo, un idoiro (sobre todo, na zona de Carballo), un torrente que se forma cando chove moito. Ou unha duira, por Muxía e Fisterra. O que queda dunha chuvieira moi forte é unha iduirada, como din sobre todo por Ponteceso.
Tamén se emprega bastante o termo regacho para un rego pequeno. A exclusividade compártese con Ortegal.
Un terreo brando, debido a unha fonte que non sae á terra, é unha vella morta. Así aparece recollido por Dumbría ou Vimianzo. En Carballo, aínda que non aparece no estudo, tamén, e de feito é un topónimo na saída de Carballo cara Oza. Curiosamente, tamén nun punto concreto de Ourense.
Entre Malpica e Fisterra, aos cons do sur chámanlle petóns. Os pelouros son os bolos de pedra, algo que tamén se di en Aguiño. Son exclusividades, pero compartidas. A flor do San Xoán ten por aquí denominacións moi específicas: estalotes, chopos, máis xerais, e sobre tofo bilitroques (Carballo e entorno).
A folla do piñeiro é o arume, ou aruma por Barizo, ou bruma por Laxe e Camariñas. Pirlo por Muxía, Dumbría e Fisterra, pero curiosamente tamén en Bares. A árbore dos fatóns e o fatoxeiro, sobre todo por Laxe e Muxía. Ás cerdeiras chámaselle cereixeiras, igual ca en Ortegal e na Mariña de Lugo e algunha zona de Pontevedra. Mazanceira tamén é moi específico da zona, igual que pedra para a parte dura e interior dos pexegos. E castañeiro recibe ese nome nesta comarca e tamén na zona de influenza do galego oriental.
O traballo
O recollido xa ten o seu tempo: Fernández Rei, Rosario Álvarez e Manuel González fixeron o traballo de campo entre novembro do 74 e maio do 77, con enquisas en 167 puntos de fala galega: 152 en Galicia, e 15 entre Asturias, León e Zamora. Cubriuse un cuestionario de 2.711 preguntas, con máis de 4.000 formas por localidade. O material deu para unha base de datos de cerca de 500.000 rexistros, coas respostas e información complementaria recollida naquel tempo. O CSIC e a Fundación Barrié pagaron aquel estudo, e a Xunta uniríase máis tarde á financiación. O galego estándar, por exemplo, foi saíndo en boa medida deste traballo.