«Carballo é unha illa da danza en Galicia»

f. rodríguez / Á. palmou

CARBALLO MUNICIPIO

A compañía La Macana abrirá esta tarde a 14ª. Primavera enDanza de Carballo con «Invisible vires»

02 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Primavera enDanza arranca hoxe en Carballo con La Macana e Invisible wires, espectáculo estreado hai poucos días en Alemaña. Caterina Varela, cofundadora da compañía e directora artística desta nova proposta falou onte en Radio Voz Bergantiños da obra que poderá ver o público ás 21 horas no Pazo da Cultura (3,5 e 5 euros). Ademais, hoxe de 12 a 13 impartirá un obradoiro.

-¿Goza de boa saúde a danza?

-A saúde é moi relativa. Creo que o contexto institucional podería estar facendo máis do que fai, pero a saúde dos creadores e artistas que vivimos aquí non é mala; aí estamos, sacando os proxectos adiante a tratando de facer danza desde Galicia, que non é algo nada doado.

-¿A Primavera enDanza carballesa é algo illado?

-A experiencia de Carballo, sendo esta a edición número catorce do ciclo, é algo sorprendente en Galicia. Todos os que nos dedicamos á danza temos o foco posto no que fai Carmen [Castro, programadora cultural do Concello] con este festival porque non é algo habitual ter unha aposta con continuidade. Hai moitos teatros en Galicia que non programan danza en todo o ano, o cal é bastante lamentable, pero Carballo é unha illa en Galicia que si aposta pola danza.

-¿Que falla para que siga sendo unha arte minoritaria?

-Iso requiriría dunha análise de cales foron as apostas nos últimos 50 anos para o teatro e para a danza e por que houbo esa diferenza. Pero hoxe, para min, sobre todo en creación contemporánea, ir ver un espectáculo teatral e un de danza é o mesmo porque empregamos o corpo e texto para facer unha peza escénica. Estanse diluíndo as barreiras entre o teatro e a danza. Para algunha xente aínda existe esa diferenza, pero deberían verse coa mesma naturalidade os dous porque pode sentir o mesmo como público.

-¿Como nace La Macana?

-Ten xa 7 anos e é un proxecto artístico pilotado por dúas persoas: eu e o meu compañeiro Alexis Fernández. Sempre tivemos unha gran proxección internacional e tentamos colaborar con diferentes artistas nestes anos.

-E neste caso máis multicultural que nunca. Hai participantes de moitos países.

-Si, é a primeira vez que facemos unha peza con seis intérpretes en escena e ao ser unha coprodución internacional todos os intérpretes son de fóra.

-Carballo será con A Coruña e Santiago as únicas paradas desta minixira galega.

-Para nós é un privilexio estar en Carballo porque tanto o persoal do Pazo da Cultura como o público sempre son moi cariñosos con nós.