«No meu caso a faceta educativa e a creativa son, no fondo, o mesmo»

Á. palmou

CARBALLO MUNICIPIO

TERESA BÚA

A artista carballesa acaba de ler a súa tese e opta a un dos premios Martín Códax

18 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosalía Fernández Rial está acostumada a moverse entre distintos mundos que acaban por fundirse nun só. A súa dobre orixe, carballesa e muxiá, foi quen de inspirar unha irmandade artística entre as dúas localidades. E a súa paixón polas artes escénicas e a súa vocación docente lle permitiron alumear unha orixinal tese doutoral -que defendeu con éxito hai poucos días na Facultade de Ciencias da Educación da USC- na que avoga por «unha metodoloxía nova para ensinar linguas que se fundamenta no uso da expresión dramática teatral». O seu paso polo IES Parga Pondal co seu traballo de fin de máster foi o xerme desta tese á que dedicou catro anos da súa vida, pero que non lle restou forzas para canalizar as súas inquietudes artísticas por eidos diversos.

De feito, explica que non existe dicotomía entre a súa formación no eido da docencia e a súa vea creativa: «En realidade é o mesmo; o produto é o mesmo, pero contemplado desde distintos puntos de vista porque se na actividade artística traballo o poético, o literario e a expresión dramática e a linguaxe escénica, no enfoque didáctico fago o mesmo pero dedicado á comunidade educativa. As ferramentas coas que traballo son comúns».

Sen abandonar a poesía, ten transitado tamén cos seus versos e da man do pianista Serxio Moreira por territorios sonoros. O seu proxecto conxunto ELO figura na relación de candidatos dos premios Martín Códax. «Non esperaba estar para nada nunha categoría musical deste tipo. Si que fixen conservatorio, sempre me gustou a música e foi algo importante na miña vida, pero máis a nivel persoal que a nivel profesional. Sempre me centrei no literario, pero é certo que nesa mestura de linguaxes ao final foi confluíndo na musical dun xeito sorprendente».

Proba diso é Catálago, un proxecto expositivo no que comparte espazo con Mon Lendoiro, Chiña e Paco Souto tendendo «pontes» para crear entre os catro «un novo produto nunha dimensión interdisciplinar», é outro exemplo da súa capacidade para aproveitar sinerxías. Os resultados pódense ver no Pazo da Cultura de Carballo desde o día 3 deste mes e para o luns 28 os catro teñen previsto poñer en escena unha performance conxunta.

«Sempre hai que negociar pero iso forma parte da propia vida e da propia existencia. Precisamente nese camiño, nese proceso que se vai tecendo é cando a obra pasa a ser algo conxunto e os puntos de encontro sempre levan a mellora». Nesas andou tamén esta semana coprotagonizando co brasileiro Ricardo Domeneck no centro Ágora coruñés unha nova sesión de Poetas Di(n) versos, o ciclo no que Yolanda Castaño xunta cada mes a un autor galego e outro internacional para atopar puntos de confluencia creativa. Neste caso, «empregar unha linguaxe contemporánea multidisciplinar e traballar a ferramenta poética en relación con outros instrumentos de comunicación, como son as linguaxes escénicas, a vídeo creación, etcétera».

A participación esta fin de semana no congreso de escritores de Cabana, a difusión dun documental sobre a súa tese doutoral e a publicación dalgún novo traballo artístico, «coa perspectiva de seguir avanzando a ver onde nos levan os camiños», son os obxectivos máis inmediatos desta artista que pese a moverse entre dous mundos moi castigados -educación e cultura- afronta o futuro con optimismo. «Hai que tender pontes e buscar puntos de encontro porque supoñen unha mellora para todos e todas. É imprescindible, sobre todo na xuventude, que adoptemos unha postura construtiva, é necesario criticar, pero tamén propoñer alternativas e ter vontade de avanzar. Se nos recreamos sempre no lamento non avanzamos nin construímos».

A autora

Rosalía Fernández Rial. Nacida en Carballo en 1988, presume tamén da súa orixe muxiá. Licenciouse en Filoloxía e acaba de ler a súa tese doutoral sobre Expresión dramática e teatro para a clase de linguas no ensino secundario. Preside a asociación cultural Lumieira.

Obras. É autora dos libros En clave de sol, Átonos, Vinte en escena e Ningún amante sabe conducir e ten participado en media ducia de volumes colectivos. Ademais, xunto co pianista Serxio Moreira, deu forma o proxecto musical ELO.