«Aínda queda moito para superar o estigma da doenza mental»

Á. Palmou

CARBALLO MUNICIPIO

Santi M. Amil

O xornalista presenta en Carballo unha novela na que afronta a súa convivencia co trastorno bipolar

10 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Periodista e profesor, Antonio Tizón (A Coruña, 1960) debuta na novela negra, «ou mulata», para vestir cos temas clásicos do xénero -crime, corrupción, impunidade...- a súa loita persoal contra o trastorno bipolar. O autor presentará esta tarde na sede de APEM en Carballo (avenida da Cristina, 2, ás 18.00 horas) e acompañado polo psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle A antesala luminosa (Xerais), a primeira novela dunha tetraloxía cuxo segundo volume, Os incurables, verá pronto a luz.

-¿Segue habendo moitos tabús en torno a estas doenzas?

-Si, pero había máis aínda cando tiven eu a crise. Foi nos anos 80 e a miña familia non llo contou a ninguén; eu estiven medio illado. Máis que tabús o que hai é moito descoñecemento e confusión. Non hai ningún movemento antidermatoloxía ou antioftalmoloxía, pero si que os hai antipsiquiatría, que teñen teorías estrañas e que resultan perigosos porque os enfermos mentais están desexando deixar de tomar a medicación, non admiten que teñen unha enfermidade crónica, e se hai quen lles dá a razón, pois encantados. Eu trato de que a sociedade tome algo máis de coñecemento sobre o asunto.

-¿Foi moi duro afrontar a parte autobiográfica?

-Si, porque está tratada de xeito sincero, honesto e incluso sen moito sentido do pudor porque conto as barbaridades que se fan na fase maníaca, na que perdes o pudor e o sentido do risco.

-¿A sanidade presta atención suficiente a estas doenzas?

-Está mellor do que estaba e hai bos profesionais. Faltan medios pero agora hai asociacións de familiares, de enfermos, de doenzas específicas, como as de bipolares que xa hai en moitos sitios. Pero aínda hai moito camiño por percorrer para superar o estigma que segue existindo.

-¿Tivo algo de terapéutico escribir o libro?

-Está escrito para intentar averiguar por que se produce unha enfermidade mental deste tipo e tamén para desembazarme dos meus traumas. Que mellor forma de facelo que contalo publicamente. Só disimulei un pouco contando en primeira persoa a parte do inspector, da investigación que leva a cabo, e en terceira persoa aquela que é autobiográfica.