«A xente emocionase moito e queda atrapada con esta obra»

F. R., Á. P. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

JOSE MANUEL CASAL

Teatro do Noroeste presenta hoxe en Carballo «Palabras malditas», unha montaxe estreada en xaneiro na Coruña

04 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A España dos primeiros intres da posguerra, unha época de represión e vinganzas, é o ambiente onde se desenvolve Palabras malditas, a nova obra de Teatro do Noroeste, compañía que hoxe chega a Carballo cun elenco integrado por intérpretes sobradamente coñecidos. Luma Gómez (Ferrol, 1951), actriz que ten participado en medio cento de montaxes teatrais e varias películas, como O bosque animado, comparte aquí cartel e escenario con Míquel Insua, Inma Antonio e Sara Casasnovas nesta obra escrita e dirixida por Eduardo Alonso. A representación terá lugar no Pazo da Cultura ás 21 horas (entradas, 4 euros; 3 para estudantes e maiores de 65 anos.

-¿Como vai a posta en marcha desta nova obra?

-Estreámola na Coruña este xaneiro pasado e estamos desexando actuar aí porque Carballo é un sitio no que a xente valora moito ó teatro e vai moito o teatro. Iso é algo que se necesita porque a política cultural dos últimos anos ten sido moi mala e perniciosa para o teatro e para a cultura en xeral.

-¿Canto tempo leva Teatro do Noroeste sobre os escenarios?

-Para o ano que vén hai 30 anos así que xa somos unha compañía veterana. Comezou no 87 cun espectáculo que era unha adaptación de Medea e ata hoxe. O noso percorrido hai desde textos clásicos de todos os tempos, de Shakespeare a Camus ou Bertolt Brecht, combinado sempre cunha liña de teatro galego contemporáneo, na que se encadraría o que temos agora, que é de Eduardo Alonso, o director da compañía e que vén de gañar no 2014 un accésit no premio Lope de Vega.

-Así, pois, a obra xa conta con algúns avais.

-Pois penso que si porque ademais dese accesit as funcións que levamos están indo moi ben e o público sae moi contento. A obra desenvólvese no ano 1940, que é unha época xa que non hai guerra civil, pero si moitas vinganzas, moitas mortes, moitos cadáveres nas cunetas, en fin, moita guerra pola súa conta. É unha época que resulta interesante de ver porque é unha etapa moi dura para os personaxes.

-E con todo, nestas Palabras malditas falan da procura da felicidade.

-Si, na obra búscase a felicidade a través da poesía. Os dous protagonistas, un profesor expulsado e unha muller que fai a calle, son dous seres moi infelices porque el está perseguido e ela ten unha vida que non desexa, pero os dous redímense a través da poesía creándose unha relación moi fermosa entre eles. A miña personaxe, a dona da pensión, é unha muller tamén moi afeita a vivir a desgraza que supón a guerra e a posguerra e ten ao seu fillo preso construíndo o Valle de los Caídos, así que a obra ten moitas connotacións temporais e culturais desa época. A xente emociónase moito e queda moi atrapada por esta obra, e esperemos que sexa así tamén nesta obra.