«'Miña terra' é un traballo etnolóxico da Costa da Morte»

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O fotógrafo muxián mostra imaxes en branco e negro, cos veciños como protagonistas.
O fotógrafo muxián mostra imaxes en branco e negro, cos veciños como protagonistas.

Amosa no policlínico ourensán Sáenz Díez convidado pola fundación Cum Laude unha mostra do seu traballo

18 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No Policlínico Sáenz Díez amosa o seu traballo Xesús Búa (Muxía, 1961). Fotógrafo profesional e colaborador de La Voz de Galicia na delegación de Carballo, Búa é unha das persoas que mellor coñece a Costa da Morte. Un espazo polo que se leva desenvolvido, persoal e profesionalmente, e que coñece polo miudo, tanto o territorio como as súas xentes. Esa realidade é a que aparece no proxecto «Miña Terra», que se pode visitar durante febreiro e marzo no policlínico.

-¿Como nace esta proposta?

-Fai un tempo que fixen o traballo Hai vida na Costa da Morte, que era unha serie centrada en paisaxes da zona na que non aparecía ninguén, aínda que sen ter presenza humana xa se veía que había vida naqueles lugares.

-¿E «Miña Terra»?

-Cando levas acudindo tanto tempo a cubrir informacións e outros actos rematas por ter confianza coas persoas que te atopas, e voltas xunto a elas ás aldeas para tirarlle unhas fotos ou para compartir a conversa e a amizade. E de aí naceu esta proposta que, como o nome indica, tenta ser un refrexo da miña terra.

-Desta volta coas xentes como protagonistas.

-Son xentes que constitúen referentes ou personaxes comúns a moitos outros lugares ou territorios: o crego vello durmindo na igrexa, o santo que todos veneran, o temporal e as árbores queridas que hai que cortar e todas esas cousas -feiras, festas e outras tradicións- que todos temos gravadas na retina dende cativos. É, ao mesmo tempo, un traballo etnolóxico sobre a Costa da Morte.

-¿Como está sendo acollido o proxecto?

-Moi ben. Era ao que me refería antes, que por Galicia e mesmo en Asturias e no norte de Portugal, os sinais de identidade e esas referencias ou tipoloxías son as mesmas,

de aí que se entenda e se acolla moi ben a proposta.

-Imaxes en branco e negro e homanaxe a Salgado.

-Admiro a Sebastiâo Salgado e Miña Terra vai na liña do seu traballo, aínda que sen ter que ir a África ou á Patagonia. É como cando vou cada ano, dende hai uns cantos, á casa dunha centenaria. Imos cada 24 de decembro, o día do seu cumpreanos, e xa vai polos 111. Son cousas que hai que vivir con eles.

-¿Por que elexiu un centro médico para a mostra?

-Quería expor no Outono Fotográfico, pero non foi posible porque tiña as obras enmarcadas e con cristal. E nas bases pon que non podes empregar cristal nos traballos a enviar. A Fundación Cum Laude propúxome expor no Policlínico Sáenz Díez e pareceume unha boa oportunidade de achegar a miña obra ao público.