«As bibliotecarias de agora temos tatuaxes e saímos pola noite»

A responsable de My Dreams of Seams comparte hoxe en Carballo a súa experiencia coa moda en Internet


Gema Carballeira (A Coruña, 1985) compatibiliza o seu traballo na biblioteca municipal do Fórum Metropolitano coruñés, cos seus estudos en Ferrol o e seu blog de moda vida saudable (My Dreams Of Seams), un espazo que xa ten varios milleiros de seareiros. Esta tarde visita a biblioteca Rego da Balsa (ás 19 horas) para compartir a súas experiencias co público carballés.

-¿De que falará en Carballo?

-Vou falar de min, do meu blog, que vai un pouco de moda, de estilos de vida saudables, de comida... e tamén de como organizo o tempo, porque traballo na Coruña, vou estudar a Ferrol, levo o blog, adestro todos os días... Non paro, pero teño tempo porque me organizo moi ben.

-¿Como empezou a escribir de moda e xuntar seareiros?

-Penso que cheguei a isto porque son igual que a xente que está do outro lado da pantalla, das redes sociais. Son alguén próximo e a xente que me segue pode facer o mesmo que fago eu: montar un blog, falar dun mesmo, comer patacas... O éxito, entre comas, que teño é ser como calquera persoa, alguén normal.

-¿O blog pode chegar a ser tamén un modo de vida?

-Para min é unha afección. Fágoo porque me gusta a moda e as fotos e porque ademais a través do blog coñezo un montón de xente nova, pero seguirei sendo bibliotecaria ata que me boten das bibliotecas.

-¿É certo que lles pagan e lles fan moitos agasallos?

-Iso ocorre coas grandes blogueiras porque ese é o seu traballo, elas cobran por facerse fotos e ir de viaxe e reciben agasallos, pero eu non cobro nin fago nada diso. Si que hai algunhas tendas que che mandan roupa para que lle fagas as fotos, pero pode ser unha entre un millón. E non é por iso polo que son blogueira. Son blogueira porque gústame ensinar a miña visión da moda e porque atopei esta plataforma que me permitía facelo. Ademais son unha fanática das redes sociais. As blogueiras normaliñas temos o noso traballo tamén, que é do que vivimos.

-¿E se puidera vivir só do blog?

-Eu quédome cos libros. Non me animo a levar o ritmo de vida que levan algunhas blogueiras, viaxando moito e estando cada día nun país. Eu teño unha parella coa que quero estar e encántame o meu traballo.

-¿Á xente sorpréndelle atopar unha bibliotecaria falando de moda?

-Si que sorprende, empezando polos meus compañeiros, que cando se enteraron de que tiña un blog comezaron a vacilarme e dicirme ?a ver como nos ves hoxe?, ?a ver que modeliño nos traes? e cousas así. Tardaron un ano en sabelo porque nos lle dixera nada por vergoña. Xa é raro ser bibliotecario, porque non somos tantos, e cando dis que tes un blog de moda choca aínda máis, pero eu creo que é algo atractivo. As bibliotecarias de agora non somos xente de moño e estar en silencio, senón que temos tatuaxes, saímos pola noite, imos de cervexas.

-¿Cambiaron moito tamén as bibliotecas?

-Si, agora xa non son os templos do silencio como eran antes, senón mesmo todo o contrario; hai algunhas nas que aínda podes ir estudar, como na nosa, pero nas salas de infantís están os nenos correndo e xogando... É unha biblioteca para que a xente a use.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«As bibliotecarias de agora temos tatuaxes e saímos pola noite»