«Tocar na sala Garufa da Coruña fainos moitísima ilusión»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

SANTIAGO GARRIDO

O grupo carballés, que ofrecerá temas de rock internacional, compartirá escenario hoxe con outra banda da vila, Versión Imposible.

13 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A sala Garufa Club da Coruña vibrará esta noite (22.30 horas) con dous grupos carballeses. O primeiro en subir ao escenario será The Cerne e, despois, farao Versión Imposible (00.30). Dende a primera formación fala Guillermo Mato.

-¿Como chegan ao Garufa Club?

-Fomos alí ver un conxunto e, dalgunha maneira, empeñóuseme. A Garufa é unha das mellores salas, por non dicir a mellor, da Coruña. Nós tocamos máis ben polos arredores e parecíanos importante tocar no centro da Coruña. Non por nada, senón por estar aí tamén, así que falamos co dono, que xa nos coñecía, e pareceulle estupendo. A idea era compartir escenario e iso é o que faremos con Versión Imposible, amigos e incluso familiares.

-Nada de rivalidade, logo.

-Non, non, xa digo que algúns dos integrantes aínda son familia miña e todo. Ata compartimos material, actuacións...

-¿Que é o que teñen preparado entón para o concerto de hoxe?

-Como Versión Imposible ofrecerá versións de pop español, o que nós fixemos foi deixar iso fóra, aínda que si temos algúns temas. Centrarémonos no rock internacional [tipo Pink Floyd, Joe Cocker, Dire Straits, Guns & Roses, Janis Joplin...].

-¿Sente que hai como unha especie de nostalxia deste rock?

-Si, porque moitos grupos xa non existen. E a verdade é que é complicado, porque hai moito nivel, pero nós temos moita sorte... A voz de Fany é unha pasada, Garban é un guitarrista excelente...

-¿Como afrontan a cita?

-Fainos moita ilusión tocar na sala Garufa, así que andamos con algo de nervios e historias destas [ri]. Cremos que vai haber bastante público, porque collemos entradas por anticipado, algo que non fan alí habitualmente, e xa as temos distribuídas. Pensamos que a cousa pode estar ben.

-¿Andan xa con novas ideas?

-Este ano participamos en varios convenios da Deputación e da Xunta e a maiores temos algunha actuación xa máis ou menos pechada a nivel galego. Andamos con novo repertorio e novas cousas... Queriamos tamén celebrar o décimo aniversario, pero estamos vendo...

-The Cerne xa se fixo o seu sitio e segue adiante, por máis que o cambio de cantante é algo que a veces causa baixón nalgúns grupos.

-A verdade é que non nos podemos queixar. Canto tocamos coa Sinfónica de Melide ou coa Coral El Eco foi algo impresionante. Antes tiñamos a Belén, que era unha pasada, e logo entrou Fany, gran voz. Estabamos un tanto «acongojados» co cambio, porque había que manter unha liña, pero apareceu ela e, por riba, de Carballo.