Eses amigos que nin saudamos na rúa

Ramón Vilar Landeira FÓRA DE COBERTURA

CARBALLO MUNICIPIO

MATALOBOS

01 feb 2016 . Actualizado a las 21:39 h.

Os humanos tendemos a agruparnos en familias e comunidades. Como deixou dito Aristóteles, somos animais sociais. A razón deste comportamento responde a unha necesidade puramente biolóxica. A diferenza doutras especies, ao nacer, dependemos completamente de adultos, que nos axudan a sobrevivir e madurar intelectualmente. As correntes filosóficas do século pasado tamén reflexionaron sobre este feito. Ao nacermos tan pouco maduros, compensamos o déficit espremendo a intelixencia. Aí estaría parte da explicación evolutiva. Claro que sempre hai quen disinte incluso do que semella obvio. Un meu veciño defende que o home ten moitísimo máis de animal que de social:

-Que somos animais non o poño en dúbida, pero iso de sociais... Para non ir máis lonxe, ¿cantos cuchos non coñeces xa só na nosa parroquia?

Pois si, xente dada á pouca ou nula relación social hai en todos os sitios, pero prosigamos co texto atendendo máis á premisa aristotélica e menos á do meu veciño. Que os humanos sexamos animais eminentemente sociais explica o enorme éxito de determinadas ferramentas en internet. Tomen nota duns datos que son para quedar coa boca aberta: Facebook, doce anos de vida e máis de 1650 millóns de usuarios en activo; Twitter, dez anos de vida e máis de 560 millóns de perfís rexistrados. Parte da vida social está a trasladarse dende hai anos ao mundo virtual e isto está cambiando en boa medida o xeito que temos de relacionarnos. ¿Pode ser que a pesar de estar máis comunicados que nunca as relacións máis superficiais? ¿E se o abuso destas aplicacións nos distancia máis do que nos achega? A luz acendeuma recentemente unha amiga coa que comentaba a dependencia que temos da rede.

-Estoume dando conta que teño unha morea de amigos no Facebook, unha chea de conversas no whatsapp, pero que, paralelamente, cada vez quedo menos con xente para tomar un café e falar por falar.

Lembrei a teoría pola que é célebre o antropólogo e biólogo evolucionista Robin Dunbar. Nos anos 90, o científico inglés publicou un estudo no que, despois de comparar datos de distintas especies de primates, extraía unha función que relacionaba tamaño do grupo e volume do neocórtex. A conclusión no caso da nosa especie era sorprendente: os seres humanos podemos ter relacións significativas, que vaian máis aló do recoñecemento de caras e nomes, cun máximo de 150 persoas. E ollo, non está falando de amizade no sentido fondo da palabra, refírese a 150 coñecidos cos que teriamos unha conversa máis ou menos fluída.

Volvo ao título deste texto: ¿Pero cantos amigos temos? Non lles podo contestar. Pero coincido con Dunbar en que ter relacións fluídas e constantes con máis de 150 persoas é imposible. Con respecto ao Facebook non se fíen, seguramente moitos deles non entrarían no «número dunbar» (poida que algún nin o saúde na rúa). Poño un exemplo gráfico. Vostede vai á feira a Carballo e mercando fabas atopa unha señora que leva tempo sen ver. Saúdanse, intercambian dous bicos e pregúntanse polas respectivas familias. Despois, incluso poida que fagan tempo para tomar un café. Pois esa si que tería sitio no «número dunbar».

Dicimos rapidamente que este ou estoutra é miña amiga. É evidente que todo depende do que definamos como amizade. Haberá quen cre que ten ducias de amigos e haberá quen pense como Henry Brooks Adams: «Un amigo na vida é moito, dous son demasiados e tres son simplemente imposibles». Para quitarlle ferro a unha afirmación tan taxativa, debo dicir que o escritor estadounidense tiña certa fama de cucho. Pasou a maior parte da vida fungando contra todo o que tiña arredor.