«Os amores de Jacques o fatalista» collen forma no Pazo carballés

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O director, o elenco, o edil de Cultura e o alcalde carballés, onte, no escenario da obra.
O director, o elenco, o edil de Cultura e o alcalde carballés, onte, no escenario da obra. JOSÉ MANUEL CASAL< / span>

Quico Cadaval e o seu elenco comezaron xa na localidade os ensaios para a estrea absoluta do venres

27 ene 2016 . Actualizado a las 23:23 h.

O Pazo da Cultura de Carballo volve a respirar teatro. A falta de só uns días para a estrea absoluta de Os amores de Jacques o fatalista, o cormelán Víctor Mosqueira, María Costas, Marcos Orsi e Piti Sanz traballan xa no escenario no que darán vida -texto e dirección de Quico Cadaval mediante- á adaptación da obra case homónima de Denis Diderot,. «É unha novela estrañísima que se considera que foi escrita 200 anos antes de tempo. É un capricho que eu tiña e que había artistas próximos a min que podían interpretar perfectamente», explicou onte o propio Cadaval nun parón dos ensaios para atender aos medios de comunicación.

Mosqueira, Costas e Orsi interpretarán ás diversas personaxes -Sanz ocuparase do acompañamento musical cun uquelele reconvertido en guitarra e agora en laúde- deste texto «caótico, porque os protagonistas empezan a contar unha historia, pero xorden moitas interrupcións e ao final non sabes se es o personaxe, o actor, o narrador, pero da igual. Ten moito que ver co mundo de Quico de contar historias», relata o actor cormelán.

Cadaval destaca a actualidade da obra de Diderot lembrando que Jacques o fatalista foi levada hai pouco ao cine e que outra adaptación aínda máis recente, A relixiosa, «é sobre outro asunto que parecía de hai 200 anos, pero que é de onte: as mozas que non queren seguir a carreira relixiosa na clausura e as dificultades que teñen para fuxir desa cadea de conciencia. Diderot vaise por de moda, en parte pola nosa culpa e en parte porque está a ser revisitado na cultura francesa».

No caso desta adaptación, céntrase en tres das 21 historias principais que dan forma ao texto orixinal de Diderot: «Son as que parece que se contestan as unhas ás outras, que é como sucede tamén en coleccións como o Decameron, os Contos de Canterbury ou a obra de Cunqueiro, e que era tamén como funcionaba o conto clásico e a tertulia tradicional». A escolma de Cadaval coincide coa que fixo no seu día o checo Milan Kundera, pero as semellanzas non van máis aló: «Na súa versión el interesase na diferenza entre a actuación e a narración, e marca dous espazos: a pousada onde están Jacques, o seu amo e a pousadeira, e un teatrillo onde pasan as cousas. Pero nós neste caso o que traballamos é a confusión de cando contamos algo, de se estamos contando a verdade, se nos lembramos ben, se queremos agradar a quen non escoita, se empregamos un vocabulario ou outro, se dicimos foder ou fornicar... Aquí trátase de que queremos contar cando contamos cousas», detalle o director da montaxe.

«É un reto porque estamos traballando sempre en diversos niveis e pasamos dunha personaxe a outra sen máis elementos que a interpretación. É complicado pero tamén é fluído porque tampouco ten tanta importancia. O importante é que a historia siga e conte o que ten que contar. Gústame moito como está escrito o texto porque ten unha linguaxe moi fluída», apunta María Costas, única voz feminina desta obra de montaxe minimalista -un escenario vestido só cuns taboleiros- que espera dar en este venres no Pazo da Cultura de Carballo o primeiro de moitos e exitosos pasos.