«Cando traballo estou xogando»

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A creadora Laura Tova tomou o relevo de Mon Lendoiro á fronte do colectivo carballés

26 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi unha das últimas en chegar e é a máis nova do grupo, pero iso non foi óbice para que tanto o seu antecesor no posto, Mon Lendoiro, como o resto dos seus compañeiros de Crea Formas decidisen que fose ela quen se puxese á fronte do inquieto movemento artístico carballés.

Ilustradora e empresaria, conta Laura Tova (Carballo, 1989) que o debuxo é algo que bule no seu interior xa desde a infancia e que, aínda que na adolescencia o aparcou un pouco, cando chegou o momento de empezar a pensar no futuro tívoo claro: «Sabía que non quería pintar por pintar, que quería facer algo máis profundo e por iso elixín o mundo da ilustración».

A Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso de A Coruña serviulle para encarrilar o talento que levaba dentro e foi estando alí tamén cando comezou a darlle voltas a outra idea: «O dos produtos foi algo que xurdiu no último ano de estudos. Saíume a oportunidade de facer na tenda Mar de Encontros unha exposición de ilustracións pequeniñas, que puxen á venda. Foi moi ben e como sempre souben que non quería dedicarlle moito tempo a outra cousa que non tivera que ver con isto apostei por esta idea e está indo ben».

Cero pensamento negativo

Bolsos, chapas, láminas, libretas, moedeiros e postais, todos eles decorados colas ilustracións de Tova, son os produtos que se poden atopar e comprar na súa web (www.lauratova.com) e cos que esta creadora está facendo realidade o soño de todo artista: «É difícil e teste que mover moito, pero eu teño unha regra que é a de cero pensamento negativo; eu sempre penso que si, que podo, que o vou conseguir e de feito estouno facendo. Estou vivindo disto e aínda que é certo que hai momentos nos que te desesperas e que é algo bastante inestable porque ás veces non sabes se para o mes que vén vas ter algún traballo ou non, así a profesión e hai que manterse ilusionada».

O enfoque empresarial no lle fixo esquecer que é o que a move á hora de crear: «Para min, a arte é un xogo porque eu cando estou traballando estou xogando e así é como realmente o desfruto; supoño que será por iso que me apaixona tanto o meu traballo; eu póñome diante dun papel, unha parede ou o que sexa e para min é un xogo. Sempre hai algunha parte que se me fai un pouco máis monótona, pero en xeral é algo que desfruto un montón».

Do seu maxín e dos seus lapis saíu o rato da orixinal campaña coa que o comercio carballés animou aos veciños a mercar o pasado Nadal. O seu compañeiro nesta iniciativa, Santiago Pazos, cualificou o estilo de Laura Tova como naif cuns toques pícaros e a autora non o desminte: «Si, teño un estilo bastante persoal cun trazo infantil e tenro, pero as mensaxes son un pouco máis para adultos. Santi non se equivocou moito».

Profesionalidade

A nova edición da mostra conxunta con artistas muxiáns, Miradas 4, que será inaugurada este xoves no Pazo da Cultura (terceiro andar, 20.30 horas), é o proxecto máis inmediato que ten que afrontar como presidenta de Crea Formas, pero na súa cabeza dálle voltas xa a novas iniciativas e a unha idea central: «Gustaríame profesionalizar un pouco máis a asociación e darlle a oportunidade á xente de que se implique máis na creación e que trate de vivir disto. E sobre todo dar a coñecer por fóra un pouco máis a asociación e o traballo dos compañeiros, dinamizar un pouco máis aquí con actividades que se fan fóra tipo as presentacións que se fan en cidades grandes».

Tova ten moito respecto polo termo artista -«é unha palabra moi grande, que ten que ver tamén con como te implicas, coa profesionalidade, non é só ter unha habilidades fan falta máis cousas»-, pero cre que en Carballo hai un nutrido grupo de creadores que cada vez teñen unha repercusión maior. «Supoño que é algo que sempre existiu, pero que despois de anos de ir traballando pouco a pouco, facéndose ver, é agora cando se recollen os froitos».