«O público adulto impón máis porque está cheo de prexuízos, os nenos desfrutan máis»

O músico ourensán visita hoxe Carballo con «Gaxuto», un espectáculo pensado para os bebés e os nenos de ata 5 anos


Tras o éxito de A nena e o grilo, Magín Blanco (A Rúa, Ourense, 1960) volve á carga cun novo espectáculo musical e teatral, pero que neste caso se dirixe a un público aínda máis novo: os bebés e os nenos menores de 5 anos. A obra leva por título Gatuxo e esta tarde visitará o Pazo da Cultura de Carballo (18.00 horas, entrada con invitación).

-¿Por que se decantou nesta ocasión por nenos tan pequenos?

-Foi algo que veu dado polas circunstancias. Cando estabamos actuando continuamente con A nena e o grilo eu paraba moito na casa dos meus compañeiros de espectáculo, Jorge Juncal e María Faltri, e fun case partícipe con eles do nacemento e o crecemento do seu fillo Manuel. Enredábamos moito e cando nos dimos conta tiñamos un montón de cancións que falaban do proceso de descuberta do mundo por parte do bebé. Unha característica especial deste proxecto é que está feito en primeira persoa, como se fose o bebé o que canta.

-¿É complicado deseñar un espectáculo así tendo en conta que tamén hai que entreter aos pais?

-Pola experiencia que temos non resulta complicado porque as características principais e a temática das cancións do espectáculo -a contemplación do primeiro ano, a tenrura, etcétera- é algo que o entenden tan ben os nenos pequenos como os papás porque é algo recíproco.

-¿Foi moi complicado ligar a parte musical do espectáculo coa escénica?

-Neste case si o foi aínda que en principio o espectáculo sexa máis sinxelo que A nena e o grilo. Ás veces o sinxelo dá máis traballo, pero tamén é certo que todo o mundo se sentía partícipe da historia e agora estamos todos moi cómodos e desfrutamos moito.

-¿O éxito de A nena e o grilo supuxo máis seguridade ou máis responsabilidade á hora de afrontar este novo proxecto?

-Supón as dúas cousas, aínda que cando comezamos Gatuxo xa sabíamos que non podía ser como A nena e o grilo porque é máis específico e vai para un público máis reducido.

¿Que público impón máis, o adulto ou os cativos?

-O adulto impón máis porque está cheo de prexuízos. Hai por aí a lenda de que cos nenos, se algo non lle gusta vanse e de que son un público moi duro, pero eu creo que non é certo. Os nenos son como un saco sen nada e todo o que lle das acéptano de bo grado e desfrútano máis.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«O público adulto impón máis porque está cheo de prexuízos, os nenos desfrutan máis»