O Couto énchese de vida en decembro

Á. palmou

CARBALLO MUNICIPIO

A Escola de Inverno abrirá as súas portas na Casa do Cura e na Casa dos Veciños do día 21 ao 24 e do 27 ao 31.
A Escola de Inverno abrirá as súas portas na Casa do Cura e na Casa dos Veciños do día 21 ao 24 e do 27 ao 31. a. garcía< / span>

A Fundación Pondal promove diversas actividades e pon en marcha de novo a Escola de Inverno

03 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A efervescencia social e cultural é -da man da Fundación Pondal, a asociación Monte Branco e o resto das entidades do lugar- un dos sinais de identidade da pequena aldea pontecesá do Couto. Pero, chegado o mes de decembro, as actividades mesmo se multiplican para que todos os veciños atopen algunha proposta á que dedicar parte do seu tempo de lecer.

O programa arrancará mañá cunha proposta que se despide -o curso de Internet para mulleres- e proseguirá a través das redes sociais coa campaña aberta para preparar os actos coas que conmemorarán, no 2017, o centenario da morte de Eduardo Pondal.

O sábado 12 a cita será dobre. A reitoral de Cospindo -sede da Fundación Pondal- acollerá ás 17 horas unha nova Cova Céltica, que terá como protagonista a Juan Félix Neira Pérez para falar dun inédito pondaliano. Dúas horas despois, e xa na Casa do Pobo de Brantuas celebrarase un campionato interparroquial de tute, que proseguirá o sábado seguinte.

Os días 17 e 18, O Couto recibirá a visita das cámaras da televisión de Galicia para facer unha gravación para o programa Grandes lugares, e o 19 serán os rapaces das Aulas Científicas Isidro Parga Pondal os que se desprazarán ata A Coruña para coñecer a Domus.

O grupo de gaitas Inllar tamén aportará o seu gran de area co Autobús da aleghría, co que viaxará o día 23 polos centros de maiores de Carballo grazas ao patrocinio de Autocares J. Pombo e Radio Voz Bergantiños.

Ademais, a Escola de Inverno volverá abrir as súas portas para facilitar a conciliación laboral e familiar con actividades para os nenos na Casa do Cura e na Casa dos Veciños. Os voluntarios, Verónica Rinlo, Crea Formas, La Voz de Galicia, Anxo Moure, Fran Brea, Ce Orquestra, A Ceo Aberto e Not Only Shills colaborarán de xeito desinteresado no desenvolvemento desta iniciativa prevista para os días 21 a 24 e 27 a 31 e que conta co patrocinio de Caixabank.