«Non podemos ceder a educación dos cativos a unha máquina»

v. couto / Á. palmou

CARBALLO MUNICIPIO

CESAR QUIAN

O artista e Guillerme Fernández imparten hoxe en Carballo un obradoiro de arrolos

19 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Pese a estar inmerso na promoción do seu novo disco, The Tambourine Man, Xabier Díaz (A Coruña, 1969) non faltará a unha nova cita co obradoiro de arrolos que desde hai xa varios anos vén impartindo en Carballo. Será esta tarde, ás 18 horas no Pazo da Cultura, e unha vez máis estará acompañado por outro recoñecido músico, Guillerme Fernández.

-¿En que consistirá a actividade desta tarde?

-Pois é xa practicamente unha tradición nestes últimos anos así que os que xa asistiron xa saben como vai ser. A dinámica do obradoiro trata de implicar ás nais e aos pais na aprendizaxe dos arrolos. Non ten tanto o carácter contemplativo dun concerto, senón que o que procura é a participación.

-¿Que lle aportan os arrolos aos bebés?

-Todo son beneficios porque dalgún xeito axudan a fortalecer os vínculos máis primarios, máis afectivos, os que teñen que ver con esa relación tan íntima que hai entre as crianzas e as súas nais e os seus pais. E, alén diso, axúdalles a conciliar o sono dunha maneira pracenteira porque escoitar cantar a quen os vai acompañar practicamente toda a vida, aparte de quedarse adormecidos con esa vibración que emite o propio corpo cando os teñen pegados ao peito, é moi agradable. E ademais, aínda hai outra cuestión a maiores que é que seguramente sexa unha das primeiras musicas que escoiten e é interesante que tamén desde o primeiro momento empecen a establecer unha relación coa música.

-¿En que momento decidiu dedicar parte da súa carreira aos arrolos?

-En realidade, eu son un amante do folclore e da música tradicional e como tal dediqueime á investigación dun xeito amateur, a dicir a verdade, porque non o fixen desde unha perspectiva científica nin moito menos, pero si desde o amor profundo ás tradicións propias. E dentro de todo acerbo popular e todo o patrimonio cultural co que entrei en contacto durante estes anos de investigacións e gravacións cos avós e as avoas, os informantes, estaban incluídos os arrolos, así que pouco a pouco fomos xuntando un feixe importante de arrolos e nanas. E despois xurdiu a idea de facer un disco e tivo unha acollida excepcional.

-¿Como reaccionan os pais ante este tipo de obradoiros?

-Dun xeito moi positivo, veñen con moitísima predisposición porque xa coñecen cal é a dinámica da actividade. Ao principio había unha certa barreira que se personificaba na vergoña de pórse a cantar, pero agora xa saben que tampouco importa facelo cunha excelencia grande nin de ter unha voz magnífica: é unha cuestión de vontade, de querer. A actividade nestes últimos anos foi todo un éxito e eu estou encantado.

-¿Como lles transmite aos pais a importancia dos arrolos?

-Eu sempre lles poño o mesmo exemplo. Non hai ningún tipo de comparación entre adormecer ao teu fillo ou a túa filla cantando e con el pegado ao teu peito, tal como facían as avoas, que poñerlle artiluxios con luceciñas e sons que se colgan moitas veces nos berces. Creo que hai que implicarse moito máis na relación directa cos fillos porque ao fin e ao cabo trátase da súa educación. Eu non son moi partidario de wiis nin gameboys nin cousas desas porque creo que hai multitude de xogos nos que os pais e as nais se poden implicar desde o principio, esa é unha parte da educación dos cativos que non lle podemos entregar a unha máquina.

-Que supón volver unha vez máis a Carballo?

-Cada vez que toco en Carballo teño unha sensación moi agradable, como de volver case a casa. Síntome moi ben acollido e para min é unha sorte e unha celebración volver a Carballo e, por extensión, a Bergantiños.